DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Así o defende Patricia Lluberas, autora do blog ‘Traduce bien y descansa mejor’

Medo e inseguridade son os peores inimigos de tradutores/as e intérpretes

Unha conferencia afondou na FFT na dimensión máis psicolóxica desta profesión

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Cultura
  • Académica
D. Besadío DUVI 28/11/2018

O medo e a inseguridade son os peores inimigos das persoas que se dedican ao mundo da tradución e a interpretación, sobre todo, daquelas que o fan como profesionais autónomos. Así de rotunda se amosou este mércores a tradutora Patricia Lluberas, autora do blog Traduce bien y descansa mejor, na conferencia As persoas que traducen tamén se emocionan, unha actividade organizada polo programa de doutoramento de Tradución e Paratradución, o título propio de Especialista en Tradución para a Industria do Videoxogo, o Máster en tradución para a Comunicación Internacional e a Facultade de Filoloxía e Tradución. 

Presentada polo profesor José Yuste, director do grupo de investigación de Tradución & Paratradución, Patricia Lluberas repasou na súa intervención as principais emocións que acostuman acompañar ao tradutor/a e intérprete no seu exercicio profesional. “Todos fracasamos, todos temos días nos que estamos cansos e todos fallamos, somos humanos e iso non significa que sexamos peores profesionais ou que isto non é o noso”, explicou a experta. Entre os principais medos e inseguridades que afectan a esta profesión Lluberas falou de ansiedade, de derrotismo ou simple frustración ao sentir que todo “nos pasa só a nós”: tarifas baixas, demasiado ou pouco traballo, clientes que non valoran o traballo realizado, intoxicación por abuso das redes sociais... “Debemos aprender a abordar os peores momentos para convertelos nunha oportunidade de mellora e realización persoal”, explicou a experta, licenciada en Tradución e Interpretación, cun posgrao en Tradución médico-sanitaria e directora da súa propia empresa de tradución.

“As persoas perdemos o noso propio camiño fixándonos demasiado no dos demais”

“Cantas veces nos preguntamos si valemos para esta profesión? É algo tremendamente habitual. As persoas perdemos o noso propio camiño fixándonos demasiado no dos demais”, explicoulles Lluberas ao público que asistiu a conferencia, sobre todo alumnado do centro, tanto do grao en Tradución e Interpretación, como de posgrao e doutoramento. “Temos que aprender a ser máis pacientes e deixar de compararnos cos demais. Isto é algo fundamental, sobre todo, cando eres autónomo”, apuntou Lluberas.

Ao longo da súa intervención a experta insistiu en que este tipo de profesional quere chegar a todo e ser tal como lle esixe a sociedade, o mundo laboral, a xente que os rodea... Ademais, segundo expuxo, en ocasións as redes sociais non contribúen a mellorar esta imaxe, pois o habitual é que só visualicen a cara máis amable ou de maior éxito dos compañeiros de profesión e, ao final, “tendemos a pensar que só nós fracasamos”. Branco/negro; bo/malo... “todos somos excesivamente extremistas”.