DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Raquel Vázquez analizou na súa tese as actitudes dos estudantes de Secundaria ante o final da vida

O medo á morte tamén é cousa de adolescentes

Destaca a importancia de eliminar un dos últimos tabús que se manteñen na educación

Etiquetas
  • Ourense
  • Investigación
Rosa Tedín DUVI 04/06/2013

O ser humano vive consciente de que algún día morrerá, el e as persoas que lle rodean. A pesar desta certeza e da relevancia que ten para o desenvolvemento da vida, a morte segue sendo un dos grandes tabús sociais. Na súa tese de doutoramento presentada no campus de Ourense, a traballadora social Raquel Vázquez analizou a ansiedade e o medo da xuventude galega ante este feito e identificou os sentimentos de aceptación, negación ou evitación que teñen ante os falecementos. Os resultados indican que, en contra de tópicos, eles teñen niveis máis altos de medo ca elas e elas teñen máis ansiedade ca eles ante o pasamento.

A tese, titulada Variables predictivas da ansiedade, o medo e as actitudes ante a morte en estudantes de Secundaria, estivo dirixida polos docentes Antonio López e Encarnación Sueiro e é froito de arredor de catro anos de traballo. Para súa realización, a investigadora realizou no ano 2010 un cuestionario a 1126 persoas de 16 a 19 anos de centros de Educación Secundaria das catro provincias galegas. “Estes datos son interesantes porque necesitamos estudos científicos que nos permitan coñecer como intervir psicoeducativamente coa xuventude neste eido. Temos que afrontar a morte como un dos últimos tabús que hai que rachar na educación”, advirte a xa doutora, licenciada en Socioloxía, diplomada en Traballo Social e actualmente educadora familiar nun concello lucense.

Un amplo abano de sentimentos

A realización do cuestionario, explica, sorprendeu aos propios afectados, pois unha porcentaxe moi elevada deles, advirte, non se parara nunca a pensar na súa defunción ou na dun ser querido ata que participaron nesta investigación. Nos resultados obtidos, destaca, o sexo, a provincia de residencia e o tipo de estudos son tres dos factores que teñen un peso significativo á hora de que os adolescentes acepten mellor ou peor o remate da existencia. Na completa radiografía que fai dos sentimentos ante a morte, a investigación de Raquel Vázquez recolle que a maior ansiedade a falecer prodúcese en mulleres de 19 anos, con residencia rural na provincia de Lugo, que estudan nun centro privado-concertado, que practican a relixión católica sempre ou case sempre e que non tiveron ningunha experiencia persoal coa morte pero si vicaria, é dicir, de sentir emocións porque outra persoa si tivo esa experiencia persoal.

O estudo tamén indica que os que teñen un maior medo ao proceso de falecer son os adolescentes varóns, de 19 anos, con residencia no ámbito semiurbano da provincia de Ourense, que estudan nun centro público, que non practican outra relixión que non sexa a católica e que xa tiveron algunha experiencia persoal coa morte. Pola contra, as mulleres de 18 anos da cidade de Lugo, que estudan nun centro privado-concertado, que practican a relixión católica algunhas veces e que non tiveron ningunha experiencia persoal coa morte pero si vicaria no último ano son as que menos medo teñen ao proceso de falecer.

No que respecta ao medo aos mortos, os que máis o teñen son os varóns de 19 anos que viven na provincia da Coruña, no medio urbano, que estudan nun centro privado-concertado, que non practican ningunha relixión que non sexa a católica e que si tiveron unha experiencia persoal coa morte. Pola súa banda, os rapaces de 16 anos, de medio semiurbano da provincia de Ourense, que estudan nun centro público e que tiveron algunha experiencia persoal coa morte son os que máis temor teñen ante o posible falecemento de persoas significativas na súa vida. Entre os numerosos datos obtidos, tamén destaca na investigación o feito de que o maior medo á defunción prematura dáse nos varóns de 17 anos das cidades de Ourense e A Coruña, que estudan en centros públicos e que tiveron experiencias persoais coa morte.

A faciana didáctica da morte

Esta investigación, subliña Raquel Vázquez, tamén quere ser unha reivindicación da necesidade de impartir nos centros educativos contidos que axuden aos menores de idade a afrontar o falecemento, principalmente de seres queridos. “A didáctica ante a morte é un instrumento transversal, válido e eficaz para previr determinados trastornos na xuventude derivados dun malestar excesivo ante a posibilidade de morrer. A defunción é algo ineludible, que nos afecta a todos, e a intervención didáctica axudaría aos adolescentes a tomar conciencia da súa existencia e de como afrontala chegado o momento. A conciencia da morte é clave para unha orientación da vida e a base para vivir mellor e con maior plenitude, outorgando a importancia debida ás cousas. A pesar de todo isto, no curriculum educativo non se tratan estes temas”, recalca a doutora.