DUVI

Diario da Universidade de Vigo

35 persoas participaron no VIII Concurso de Fotografía Biolóxica

O mellor dos bosques en 86 imaxes

Óscar Martínez fíxose co primeiro premio, seguido de Clemence Aymard e Noé Ferreira

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
DUVI 16/11/2011

Os bosques serían demasiado silenciosos se soamente cantaran os paxaros que mellor o fan, como dicía o escritor e profesor Henry Van Dike. Por iso, para darlle protagonismo a cada recuncho que podamos atopar nas fragas tanto galegas como de calquera lugar do mundo, a Facultade de Bioloxía decidiu centrar este ano nelas o VIII Concurso de Fotografía Biolóxica, organizado dentro das actividades da Semana da Ciencia 2011. Nesta ocasión un total de 36 participantes presentaron 86 fotografías nas que se podían apreciar distintos aspectos dos bosques e da súa flora e fauna tanto en cor como en branco e negro con calquera técnica.

O xurado, composto por un representante do equipo decanal, do PDI, do PAS e dous dos alumnos, entregou este ano tres premios. O primeiro galardón foi parar á foto La esencia del bosque, de Óscar Martínez Troncoso, que se presentou baixo o pseudónimo de ‘Tempestas’. O segundo premio recaeu en Clemence Aymard, que participou baixo o nome de ‘Clem’ coa fotografía La escalera del cielo. O último recoñecemento foi para Noé Ferreira e o seu Creando Bosques, presentado co sobrenome de ‘Paduche’.

Todo recollido nunha exposición

Os participantes tiveron que presentar un máximo de tres imaxes montadas sobre unha cartolina cun marco de polo menos 2 centímetros onde debía figurar o título da obra. Agora, todas as fotografías levadas a concurso exporanse no Edificio de Ciencias Experimentais dende hoxe mércores 16 de novembro ata principios de decembro. Mentres que todas as obras premiadas pasarán a ser propiedade da Facultade de Bioloxía, que poderá facer uso libre delas citando o nome do autor, as que non resultaron galardoadas poderán recolleres no Decanato ata o 14 de decembro.