DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O campus acollerá o 17 e 18 de xuño o II Congreso Iberoamericano de Economía do Deporte

A mellor economía deportiva xoga en Ourense

Participarán expertos de 31 universidades e institucións de cinco países

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Rosa Tedín DUVI 20/05/2011
A faciana económica do deporte cada día cobra maior relevancia. Os custes dos traspasos de xogadores, as débedas dos equipos de fútbol, a explotación comercial da imaxe dos deportistas son cuestións cada vez máis presentes á hora de falar de deporte. Para afondar neste eido, o campus de Ourense acollerá en xuño o II Congreso Iberoamericano de Economía do Deporte, unha cita na que participarán expertos de 31 universidades e institucións de cinco países diferentes. Ourense converterase por uns días no campo de xogo da mellor economía deportiva.

O II Congreso Iberoamericano de Economía do Deporte celebrarase os días 17 e 18 de xuño de 2011 na Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo de Ourense. Segundo explica Patricio Sánchez, secretario do comité organizador do evento, “este congreso xorde da Fundación Observatorio Económico do Deporte de España, cuxa creación supuxo un punto de inflexión no que se refire ao estudo e análise da economía neste eido no noso país”. Tralo éxito acadado na primeira edición do congreso, celebrado en 2010, a Universidade de Vigo asumiu, a través do seus membros do Observatorio, o reto de organizar en Ourense o II Congreso Iberoamericano de Economía do Deporte.

“A cita permitirá pór en común e compartir cuestións investigadoras e académicas referidas á economía do deporte, unha disciplina que, por méritos propios, ten alcanzado un salientable recoñecemento a nivel mundial. Sen embargo, aínda é moito o que fica por facer e este encontro en Ourense pode ser un bo momento para avanzar”, salienta Patricio Sánchez. Para facelo, o congreso contará con arredor de 32 comunicacións correspondentes a 69 autores de 31 universidades e institucións de cinco países, como son, ademais de España, Arxentina, Brasil, Canadá e Portugal.

Un amplo programa

Os contidos afondarán en cuestións moi diferentes da economía do deporte. Falarase dos principais factores de influencia para conseguir un bo contrato na NBA, do impacto económico da organización de diferentes eventos deportivos, da explotación dos campus de fútbol ou da avaliación da xestión de alta dirección dun equipo de primeira división. A Responsabilidade Social Corporativa, o papel das aseguradoras ou os hábitos deportivos segundo o xénero serán outros dos temas que se abordarán.

A Universidade de Vigo participará neste programa con varias comunicación dos profesores Ángel Barajas, Patricio Sánchez, José Antonio Fraiz, Noelia Araújo, Mereces Mareque, Antonio Vaamonde e Juan Delfín Conde. Nelas afondarán en cuestións como a medida do impacto económico dun evento deportivo como foi o Campionato de España "Open" de Inverno Master de Natación de 2011; a fiabilidade da información financeira no fútbol español; a caracterización do usuario “satisfeito” dun servizo de deportes ou os dereitos de imaxe de xogadores de alto nivel no fútbol.