DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Haberá 19 representacións de 13 compañías galegas e estatais

O mellor teatro infantil abre o pano en Ourense coa 7ª edición da MOTI

A 'Mostra de Teatro Infantil de Ourense' celébrase do 25 ao 30 de decembro

Etiquetas
  • Ourense
  • Cultura
Rosa Tedín DUVI 17/12/2010
“Cando os días son máis curtos, os radiadores gañan protagonismo e a cidade se abriga de cor, as olladas infantís berran unha nova estación… Non hai cole, os curmáns afastados deixan de selo. É tempo de xogo, sorpresas e maxia. Si, por fin chega a ... MOTI!!” Así arrancará a 7ª Mostra de Teatro Infantil de Ourense MOTI o vindeiro 25 de decembro co estreo nas rúas da cidade do espectáculo Próxima estación: a MOTI, da compañía Trécola Teatro. Desde o día de Nadal e ata o 30 de decembro, a cita anual co teatro infantil traerá a Ourense o mellor deste xénero feito en Galicia e noutras comunidades.

Durante a presentación este venres da MOTI, María Lameiras, vicerreitora do campus de Ourense, daba conta da importancia desta mostra. “A MOTI contribúe a educar desde moi novos aos rapaces a través da cultura” e, salientou, “cristaliza todo o traballo que se fai desde a universidade no eido do teatro e no que conflúen numerosas entidades”. Ademais destes valores, Isabel Pérez, concelleira de Cultura de Ourense, apuntou outro máis para a mostra, o de conseguir sobrevivir. “En tempo de crise como o que nos toca vivir é moi importante manter a actividade cultural en xeral e o teatro en particular”, advertiu.

Variedade de xéneros e compañías

Nesta edición a MOTI contará con 19 representacións para nenos e nenas a partir de 6 meses, 13 compañías, a expectativa de chegar a un aforo de 3000 persoas e catro espazos como escenario: o Auditorio Municipal, o Teatro Principal, o campus de Ourense e diferentes rúas da cidade. Como novidade, este ano o director da mostra, Fernando Dacosta, apunta a potenciación dos monicreques xigantes, onde os espectadores ven aos actores que moven aos bonecos, e sobre todo a novidade de que “conseguimos manternos cos tempos que corren”.

O programa destaca pola súa variedade de xéneros e compañías. Haberá, por exemplo, teatro para bebés coa obra Cuando vuelve la luna, monicreques de vara con Trogloditas ou teatro de actor con Cecilia e a súa boneca. Entre as compañías, unha ampla representación galega, coa participación de Trécola Teatro, Tanxarina, Elefante Elegante, Galitoon, Arroutada Teatro, Artello Teatro Alla Scala e a Aula Infantil Gepetto. Ademais, para enriquecer a mostra co mellor teatro infantil que se está facendo no resto do estado, participarán na MOTI os vascos Teatro Paraíso, os andaluces Arena en los Bolsillos, os madrileños Liliput Cabaret, os castelán-leoneses Teatro Mutis e os valencianos L´Home Dibuixat e La Carreta Teatro.

Con esta ampla programación os organizadores, Sarabela Teatro, agardan cumprir as expectativas de rapaces e familias, xa que, sinala Dacosta, os pequenos son un público especialmente esixente, pois “cando se aburren non teñen piedade”. Tal e como sinala a xerente do Teatro Principal, Olga Mojón, “nas actuacións os nenos compórtanse como o que son, nenos, e canto máis pequenos son máis pasmados se quedan co que ben” e máis naturais son nas súas reaccións. Por este motivo, para Dacosta é especial motivo de satisfacción o feito de que “hai nenos que levan varias MOTI, que repiten cada ano e que pasan a ser un público fixo desta mostra”.

As tarifas para asistir ás actuacións son de 4 euros no Auditorio e Teatro Principal e de 3 euros no campus. A recadación de varios días destinarase a UNICEF, para contribuír ao desenvolvemento de programas solidarios coa infancia.