DUVI

Diario da Universidade de Vigo

As representacións arrancan o mércores con 'A última cornixa' do grupo Maricastaña

O mellor teatro universitario volve a Vigo cunha nova edición da Miteu

Actuarán seis grupos, os catro primeiros no Vidal Bolaño e as dúas últimas no auditorio do Concello

Etiquetas
  • Vigo
  • Cultura
DUVI 03/04/2017

Un ano máis, e xa van 19, a primavera volve traer ao campus de Vigo o mellor teatro feito desde as aulas do ensino superior cunha nova edición da Mostra Internacional de Teatro Universitario, Miteu. A cita arranca este mércores, día cinco, coa actuación do grupo Maricastaña da Aula de Teatro de Ourense e prolongarase ata a primeira semana de maio, un mes no que tanto comunidade universitaria como resto de afeccionados poderán gozar dunha programación da que forman parte un total de seis grupos chegados de lugares como a propia cidade de Vigo, Lugo, Madrid ou Costa de Marfil. A entrada a todas as obras é libre ata completar aforamento, as catro primeiras serán no Teatro Roberto Vidal Bolaño da Cidade Universitaria e as dúas últimas, o dous e tres de maio, no auditorio do Concello de Vigo.

Chegados desde Ourense, o grupo Maricastaña será o encargado de abrir o pano do festival, será este mércores ás 18.30 horas, coa representación da obra A última cornixa, unha creación baseada na obra orixinal Océano mar, de Alessandro Baricco, e dirixida por Fernando Dacosta. Chea de lirismo e mundos oníricos, a historia sitúa a catorce personaxes na última cornixa do mundo na que se atopa a pousada Almayer, lugar nas lindes da existencia, suspendida sobre o mar, onde a terra acaba. Nese sitio atópanse un pintor que procura pintar o mar co mar, unha muller que está para sandar de adulterio, un escritor que escribe unha enciclopedia sobre os límites da natureza, unha rapaza que quere vivir e fuxir da morte e do medo ou unha monxa que crea oracións.

Tres representacións na semana do 24 de abril

Tras este pequeno adianto, as representacións volverán na semana do 24 de abril coa interpretación de tres novas obras no Vidal Bolaño. A primeira, o propio día 24, será a da Compañía de Teatro da USC-Lugo coa obra Paz perpetua, do dramaturgo Juan Mayorga quen lle debe o título ao ensaio filosófico de Inmanuel Kant publicado en 1795. Dirixida por Paloma Lugilde, a obra trata da competición que emprenden un rottweiler, un dóberman e un pastor alemán para conseguir o cobizado colar branco e con el a distinción de can antiterrorista de elite. Para iso, terán que superar diferentes probas que acaban situándoos -e xunto con eles, tamén aos espectadores- diante dun dos grandes dilemas éticos da vida política e social de hoxe.

Ao día seguinte, o 25 de abril, será a quenda do Grupo de Teatro da ESAD-Comedia da Arte, con Don Giovanni. Parodia do famoso mito de Don Xoan, baséase na obra de José Zorrilla para analizar os canons clásicos da Comedia del Arte. Dirixida por Nando Llera, once actores encherán o escenario de música, acrobacias e moito humor nunha obra chea de crítica social.

A última representación prevista no teatro de Cidade Universitaria, o 26 de abril, será a da Aula Universitaria do Campus de Vigo, con Éxodos. Cun elenco de dez actores e dirixida por Pepa Barreiro, a obra conta pequenas escenas de vida en forma de éxodos, reflexionando sobre o mundo que estamos a construír e tamén denunciando a súa existencia que non podemos negarnos a ver.

Teatro africano para baixar o telón o 3 de maio

As últimas dúas función do cartel da 19 edición da Miteu representaranse no auditorio do Concello de Vigo. A primeira delas será a cargo da Compañía de Teatro da UC3M Carlos III co espectáculo La marquesa Rosalinda, de Ramón María del Valle Inclán. Dirixida por Abel González Melo, nela fúndense a tradición da Commedia dell’Arte e o teatro de estilo cortesán. A Marquesa Rosalinda vive farta do seu home, o Marqués Don Froilán, moito maior ca ela, e cae rendida aos encantos de Arlequín, quen acaba de chegar co carro da farsa, xunto a Colombina, Pierrot e Polichinela, a instalarse nos xardíns de palacio. Ao decatarse dos amoríos, o marqués encarga a dous bandidos que dean un bo susto a Arlequín…

Pechará a mostra o 3 de maio o grupo Bin Kadi So de Costa de Marfil coa obra Dans L’indendie, de Marie-José Hourantier a partir de Laurent Fréchuter. Trátase dunha fantasía heroica, unha serie de variacións sobre unha campesiña, Xoana de Arco, queimada pola vida, atravesada por voces, facendo teatro de todo.