DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Un demostrativo do proxecto EcoRaee traballa na reutilización de material tecnolóxico con esta final

Mellorando a refrixeración dos equipos electrónicos con pezas en desuso

A investigación desenvólvese desde o campus de Ourense e o CITI

Etiquetas
  • Ourense
  • Investigación
Rosa Tedín DUVI 23/05/2014

Arredor dun 4% do lixo xerado na UE está composto por residuos electrónicos ou eléctricos, porcentaxe que en España equivale a máis de 150.000 toneladas anuais de material que non é axeitadamente tratado e que xera danos no ambiente e polo tanto na saúde. Para contribuír a atallar esta situación, o proxecto EcoRaee busca desde a Universidade de Vigo alternativas de reutilización de equipamento electrónico en desuso. Unha das opcións sobre as que traballan os investigadores é o emprego deste material para unha mellor refrixeración das grandes instalacións informáticas de computación en rede, que teñen na xestión da calor que xeran un dos seus grandes problemas.

Segundo explican os seus promotores, o obxectivo xeral de EcoRaee, un proxecto Life + de tres anos de duración e un orzamento de 1,26 millóns de euros que coordina a Universidade de Vigo en colaboración con Revertia e EnergyLab, é a caracterización e demostración dun proceso industrial de preparación para reutilizar equipos electrónicos, coa finalidade de promover estándares para a transposición da normativa europea e contribuír así a un alto nivel de separación dos aparellos electrónicos e eléctricos, entre o 45% e o 65% nos próximos años. Neste contexto, a iniciativa desenvólvese en catro liñas de traballo, chamadas demostrativos, nas que valoran posibles usos para os equipos en desuso e demostran a utilidade do seu material, nalgúns casos para propósitos diferentes para os que foron creados orixinariamente.

Eficiencia e optimización

“O gasto máis grande de electricidade en informática non se fai en manter accesos os equipos senón na súa refrixeración, porque estes aparellos disipan moitísima calor e iso afecta ao seu propio funcionamento. O sistema clásico e básico bota man de ventiladores para solucionar este problema. Isto funciona nun computador, en dous etcétera pero cando se fala de instalacións grandes o ambiente non é capaz de disipar esa calor e iso supón un gran problema”, explica Javier Rodeiro, do Departamento de Enxeñaría Informática da Universidade de Vigo e coordinador dos demostrativos do proxecto europeo desde o campus de Ourense.

O demostrativo centrado na busca de alternativas de refrixeración para instalacións informáticas de procesamento en grid está desenvolvéndose no CITI, o Centro de Investigación, Transferencia e Innovación do campus de Ourense. “O obxectivo neste caso é reutilizar o equipo en desuso para a creación de clústers, agregacións de computadores, e facer así instalacións eficientes enerxeticamente falando”, indica Rodeiro. Deste xeito, os investigadores traballan na construción nos laboratorios do CITI de seis armarios con 20 procesadores cada un nos que se experimenta con diferente tipo de refrixeración dos compoñentes electrónicos pensando na súa escalabilidade para instalacións de supercomputación. Para comprobar a utilidade dos sistemas artellados, o proxecto vai entrar dentro do Grid europeo de supercomputación, como un nodo do Centro de Supercomputación de Galicia Cesga, onde se vai a contabilizar o tempo de CPU que estes armarios poden dar para actividades de cálculo.

“O proxecto é moi interesante porque supón unha optimización de recursos e instalacións de múltiples xeitos e un beneficio para todos os implicados. Concretamente o CITI decidiu apoiar EcoRaee porque é unha oportunidade para pór en valor os seus espazos participando nun proxecto europeo. Agardamos que teña resultados interesantes xa que é unha oportunidade para avanzar nun tema tan importante como reutilizar os cada vez máis numerosos equipos informáticos en desuso”, comenta Xosé Antón Vila, director do CITI.