DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Pódese doar comida ata o mércores 21

Mellorar o Nadal dos máis necesitados está nas mans de todos

A Residencia Universitaria O Castro, a Biblioteca Central e Lamarita Café organizan unha 'Operación

Etiquetas
  • Vigo
Jessica Fdez. DUVI 20/12/2011

Os comedores sociais levan a cabo un labor fundamental á hora de axudar ás persoas necesitadas que están arredor. Os voluntarios e colaboradores de estas entidades planifican múltiples actividades cunha finalidade común: a obtención de alimentos a través de doazóns privadas e sen ánimo de lucro. Sendo conscientes de que a situación de crise fixo aumentar a demanda destes servizos, dende a Residencia Universitaria O Castro, a Biblioteca Central e Lamarita café organízase unha 'Operación Kilo' para a recollida de comida que posteriormente se doará ao Banco de Alimentos de Vigo e que estará aberta ata mañá mércores.

A iniciativa, que naceu no ano 2010, “xurdiu da necesidade que tiñamos dende a comunidade universitaria de colaborar de algún xeito cos máis necesitados. Pensamos que unha recollida de alimentos sería o ideal e decidimos poñelo en marcha para doar o recaudado co fin de que sexa repartido da mellor forma posible”, indica Mónica Costas, responsable da residencia e promotora da idea. Ante o éxito da edición pasada, “as expectativas son máis que positivas e confiamos na solidariedade de todos, sobre todo nestas datas tan familiares”, aclara.

Os alimentos doaranse ao Banco de Alimentos de Vigo

O destino da comida recadada será o Banco de Alimentos de Vigo, institución que dende 1995 almacena, clasifica e distribúe os bens achegados entre comedores sociais, asilos e demais centros asistenciais da provincia de Pontevedra. Aínda que os produtos máis demandados son os non perecedoiros, como a pasta, o arroz, as legumes, o aceite, as galletas, as latas de conserva... toda axuda é ben recibida, xa que o obxectivo principal desta campaña é facer que unha data tan significativa coma o Nadal sexa mellor para todos.