DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Convócase o I Concurso de Iniciativas Saudables por un Campus ConVida

Como mellorarías os hábitos de vida da comunidade universitaria?

A data límite de presentación de propostas é o 16 de xaneiro do 2012

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Rosa Tedín DUVI 21/12/2011

Despois dun ano de traballo, este mes de decembro presentouse o proxecto Campus ConVida, unha iniciativa que aposta por crear, a través da investigación, a formación e a sensibilización, un entorno educativo que reforce e promova condutas e estilos de vida saudables entre a comunidade universitaria ourensá. Para facelo, nada mellor que escoitar as propias propostas da comunidade universitaria, polo que os seus promotores veñen de convocar o I Concurso de Iniciativas Saudables por un Campus ConVida. Se es estudante, PAS ou PDI e tes unha idea de como mellorar os hábitos das persoas que estudan ou traballan no campus, esta é unha boa ocasión para facerte oír.

“A idea é sensibilizar aos mozos e mozas en calquera dos ámbitos que se relacionan cun estilo de vida máis ou menos positivo: actividade física e alimentación, consumo de alcohol, tabaco e outras drogas, conduta sexual, educación viaria, coidado do medio ambiente, etc”, salienta Rodrigo Alberte Pivida, responsable do Servizo de Deportes do campus. Nas propostas valorarase de xeito especial a viabilidade e orixinalidade das propostas así como que poidan ser levadas á práctica.

Proxectos escritos ou audiovisuais

Ao concurso poderán presentarse traballos en formato escrito dun máximo de 5 páxinas ou en formato audiovisual cun tempo de duración máximo de 5 minutos. O proxecto debe achegar propostas innovadoras e realizables que axuden a sensibilizar e actúen na promoción de estilos de vida máis axeitados entre a comunidade universitaria. Terase en conta a orixinalidade e creatividade das propostas así como a concreción e viabilidade do proxecto (custe económico, utilización de recursos xa existentes ou vías de financiamento).

A data límite de presentación de propostas remata o 16 de xaneiro do 2012. O xurado do concurso, que estará formado por persoas designadas pola Comisión Ourense ConVida e que contará con especialistas na materia e membros da comunidade universitaria, elixirá un primeiro premio, dotado cun IPAD 2 de 16 GB e wifi, e un segundo premio dotado cun Netbook ASSUS de 10”. O xurado poderá, de así consideralo, conceder outras mencións especiais a traballos presentados, sen dotación e coa concesión dun diploma acreditativo.

A convocatoria deste concurso é a segunda das actuacións que executa o Campus ConVida, despois de realizar un estudo de diagnose da situación de partida da comunidade universitaria no referente aos seus estilos de vida saudables. Este estudo consistiu, en marzo do 2011, na realización dunha enquisa con preguntas sobre saúde xeral, consumo de alcol, hábito tabáquico, alimentación, actividade física, conduta viaria, satisfacción académica e conduta sexual nunha mostra representativa do alumnado de 1º curso, do PDI e do PAS do campus de Ourense.