DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Unha das mellores coleccións de mostras de biomasa de España atópase na EUET Forestal

No módulo práctico do curso Enerxías Renovables e Medio Ambiente

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
DUVI 26/11/2007
Os alumnos da Escola Universitaria de Enxeñaría Técnica Forestal do campus de Pontevedra, puideron palpar, cheirar e sobre todo visualizar a, que é probablemente, mellor colección de mostras de biomasa de toda España. Todo tipo de residuos en varios formatos: agrícolas, forestais, industrias, .... procedentes de diferentes partes de Europa, Asia e América, conforman esta colección que deu contido á primeira xornada do módulo práctico do curso Enerxías Renovables e Medio Ambiente.
Nesta segunda parte do curso (a primeira foi o módulo teórico), que a Universidade de Vigo organiza en colaboración co Grupo Ence, “os estudantes familiarizáronse cos compoñentes da mostra, coa finalidade de que teñan unha visión real de como é esa biomasa. Tras ver a colección, os alumnos pasaron a unha segunda fase na que puideron ver como se preparan esas mostras, é dicir, o que é a preparación de produtos”, explicou o director da escola Luis Ortiz.
Entre as restantes actividades que compoñen este curso, que se prolongará ata o vindeiro 10 de decembro, os alumnos visitarán unha planta piloto, dentro da propia escola, para ver cómo é o proceso completo no que a partir de ramas de árbores ou troncos, se elaboran os produtos. Na última xornada do módulo práctico, os estudantes visitarán as instalacións da fábrica Ence en Pontevedra, para ver un caso real e coñecer a maior planta de coxeneración con biomasa de España.

Aula - Empresa

Este curso forma parte da iniciativa Aula-Empresa, un programa da Universidade de Vigo que ten como finalidade implicar ás empresas e institucións na incorporación dos seus coñecementos e habilidades ao programa formativo non regulado. Deste xeito, os alumnos poden adquirir as habilidades non incluídas nos plans de estudo e de interese na súa actividade profesional futura.
Pola súa banda, Luis Ortiz comentou ao respecto que “comezamos este proxecto coa empresa Ence co obxectivo de mellorar as relacións empresa -universidade e incorporar ao plan de estudo experiencias profesionais. De feito, o 50 % dos poñentes do curso son xente da empresa, buscamos así un equilibrio entre unha parte teórica de calidade e unha parte práctica con profesionais reais”.