DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O prazo de presentación de traballos para esta xornada remata o 30 de setembro

As mellores experiencias innovadoras en xénero exporanse en Vigo no mes de decembro

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
M. Del Río DUVI 18/09/2012
As experiencias máis innovadoras en materia de xénero das universidades españolas presentaranse o 14 de decembro en Vigo, no marco da II Xornada de Innovación en Xénero. Docencia e Investigación. Este evento pretende ser un punto de encontro e intercambio de iniciativas e ideas entre o persoal docente e investigación das institucións de educación superior no tocante á perspectiva de xénero. Esta é a finalidade que a Unidade de Igualdade en colaboración coa Área de Formación e Innovación Educativa pretende acadar coa segunda edición desta xornadas, para as que está aberto o prazo de presentación de traballos ata o vindeiro 30 de setembro.

Anabel González Penín, directora da Unidade de Igualdade destaca que dúas novidades con respecto á edición do ano pasado. Por unha banda “amplíase a participación ao persoal docente e investigador de todas as universidades españolas e haberá presentación de traballos de investigación”, mentres na edición anterior se centraron exclusivamente na innovación docente e en persoal da Universidade de Vigo. A responsable da Unidade de Igualdade incide en que “pretendemos que a xornada teña un maior alcance e se consolide como un foro de reflexión a nivel estatal sobre as posibilidades que a innovación en xénero ofrece á docencia e á investigación universitarias.” Por outra banda, subliña que a perspectiva de xénero na docencia e na investigación debe ser asumida como un criterio de excelencia universitaria que non é exclusiva de determinadas áreas científicas se non que incumbe a todos os ámbitos de coñecemento.

Obxectivos da xornada

A xornada, que terá lugar o 14 de decembro no campus vigués, ten como obxectivo potenciar experiencias innovadoras que inclúan a perspectiva de xénero como un eixo de traballo, ao tempo que se trata de difundir as investigacións en xénero e con perspectivas de xénero e impulsar a aplicación da transversalidade de xénero como un criterio de excelencia universitaria. Paralelamente tratarase tamén de contribuír á transferencia do coñecemento no eido da igualdade e á reflexión sobre as posibilidades que a innovación en xénero ofrece á docencia e á I+D.

Os principais de temas de interese que se abordarán nas xornadas pasan polos novos métodos de docencia con perspectiva de xénero; a investigación en calquera ámbito de coñecemento con perspectiva de xénero; investigacións innovadora en xénero; experiencias na aula; integración da perspectiva de xénero no ensino virtual; incorporación da dimensión de xénero na titorización; inclusión da perspectiva de xénero en materias científicas e tecnolóxicas; linguaxe non sexista aplicada á docencia e á investigación e visibilización das achegas das mulleres.
Todos os traballos que se presenten ao longo das xornadas serán recollidos nunha publicación co seu correspondente ISBN.

Unha satisfactoria primeira edición

Na xornada do 2011 foron presentadas 16 comunicacións, nove do ámbito xurídico-social, unha do ámbito científico e seis do ámbito humanístico, coa participación de 36 persoas ademais das relatoras e relatores. Para a directora da Unidade de Igualdade, a experiencia da primeira edición “foi moi positiva e iso foi o que nos animou a organizar unha edición máis ambiciosa para este ano 2012”. Os traballos presentados o ano pasado abriron perspectivas que non estaban presentes como o emprego de textos teatrais para a ensinanza das matemáticas destacando o labor e a valía das mulleres matemáticas. As xornadas serviron ademais para potenciar as relacións entre o persoal docente e investigador que ten a introdución da perspectiva de xénero como un valor fundamental da súa docencia e xurdiu algún proxecto novo neste sentido.