DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Por cuarta vez, El Mundo sitúa á Universidade como unha das mellores opcións para cursar estes estud

Unha das mellores facultades de Belas Artes de España está no campus

O decano, Juan Carlos Meana, ve na internacionalización o principal reto de futuro do centro

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Institucional
Eduardo Muñiz DUVI 03/06/2014

Unha completa dotación de equipamentos e instalacións e unha relación próxima entre o alumnado e un profesorado que combina o seu labor docente cunha intensa actividade artística son dous dos aspectos máis veces salientados da Facultade de Belas Artes da Universidade de Vigo, que o xornal El Mundo vén de situar como a quinta mellor de España do seu ámbito. Algo que é visto como “un aliciente” polo decano do centro, Juan Carlos Meana, que sitúa “na potenciación da investigación e en avanzar na internacionalización, os principais retos de futuro” do centro.

Unha vez implantados os estudos de grao, “a consolidación dos dous máster que se imparten na facultade e do programa de doutoramento, que se iniciou este ano”, sitúanse, como apunta Meana, como uns dos obxectivos centrais da facultade. Mais mirando cara o futuro, existen tamén importantes retos por diante, como “asentarnos no Campus Crea e buscar alianzas para conseguir unha visibilidade internacional”.

Na mesma liña, o decano tamén incide no importante labor que desenvolven na facultade os grupos de investigación, “que están a desenvolver proxectos que contan con financiamento autonómico e europeo”. Non obstante, Meana tamén recoñece que a investigación no eido de Belas Artes non está tan desenvolvida como noutros ámbitos académicos e, nese sentido, fai énfase no valor nunha faceta que entende “vaise potenciar co Campus Crea”, o proxecto de especialización do campus de Pontevedra. O obxectivo final, resalta, “é abrirnos en todos os campos e fomentar a interrelación con outros ámbitos científicos”, idea na que se enmarca precisamente o proxecto Baliza, que a facultade desenvolve actualmente dentro do Campus do Mar e que en 2012 se converteu nunha das dez iniciativas no ámbito das artes que obtivo financiamento do Ministerio de Educación e Cultura a través do subprograma de fortalecemento dos campus de excelencia internacional.

A quinta mellor de España

No ránking que cada ano elabora o xornal El Mundo empregando baremos como o número de alumnos, os recursos humanos e materiais dispoñibles, o plan de estudos ou a participación do profesorado en proxectos de investigación, a Universidade de Vigo sitúase como a quinta mellor opción en todo o Estado á hora de cursar estudos en Belas Artes. Como explica Meana, trátase do cuarto ano consecutivo no que a facultade ocupa un dos cinco primeiros postos deste ránking, “o que ten o seu valor, principalmente porque as catro que se atopan por diante son universidades máis grandes, con maior orzamento e maior número de alumnos”. Concretamente, a Politécnica de Valencia, a Universidade de Barcelona, a Universidade do País Vasco e a Complutense de Madrid.

Mais a maior dimensión doutros centros non debe ser vista como unha limitación. “Estamos a falar de facultades con máis de 2000 alumnos e aquí non chegamos aos 700 sumando todas as titulacións, pero iso permite que a relación entre o alumnado e o profesorado sexa moito máis próxima, e iso nótase na calidade de docencia”, salienta Meana, que tamén incide no valor que ten para os estudantes contar con docentes que “paralelamente desenvolven unha actividade artística profesional moi forte”.

Titulacións que supoñen un valor engadido

Xunto ao grao en Belas Artes, na facultade tamén se imparten os mestrados en Libro Ilustrado e Animación Dixital e en Arte Contemporánea. Creación e Investigación, así como os Estudos Superiores en Deseño Téxtil e Moda de Galiza (Esdemga), unhas titulacións que proporcionan “un valor engadido” ao centro, como recalca Meana. “De feito hai moita xente que, tras facer o grao, continúa os seus estudos nun máster ou que despois de facer Belas Artes se matricula en Esdemga”, apunta.