DUVI

Diario da Universidade de Vigo

UVigoTv e a Área de Emprego unen forzas nesta nova iniciativa

As mellores ferramentas profesionais para facer un bo vídeo-currículo

Arranca coincidindo coa posta en marcha da nova web da televisión universitaria

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
M. Del Río DUVI 14/06/2013
É xa case unha tendencia nestes tempos nos que as novas tecnoloxías o inundan todo. Os video-currículos son un xeito de diferenciarse, de facilitar aos empregadores a busca de perfís adecuados, de amosar os puntos fortes de cada quen, de comunicar e de venderse. E fano con moita máis efectividade que os tradicionais currículos en papel, por iso UVigoTv e a Área de Emprego unen forzas nunha aposta común para axudar aos estudantes de último curso a realizar o seu vídeo-CV poñendo ao seu dispor consellos de consultores e expertos e a experiencia e ferramentas profesionais da televisión da Universidade.
Esta nova iniciativa arranca precisamente coincidindo coa remodelación da web de UVigoTv, na que se abren diferentes canles temáticos, como o de emprego. A actualización tanto estética como tecnolóxica da páxina permite que os máis de 9000 vídeos educativos e científicos dispoñibles no portal se poidan reproducir en todo tipo de dispositivos, empregando linguaxe html5.

Coa mellor das axudas

A aposta polos vídeo-currículos responde á liña estratéxica da Área de Emprego de mellora da empregabilidade dos egresados da Universidade de Vigo. Na nova web de UVigoTv dispón dunha cale propia na que se inclúen, por unha banda, conferencias relacionadas con emprendemento, os vídeo-currículos, os contidos relativos a Incuvi-Emprende, outros sobre habilidades e emprego e finalmente sobre competencias transversais. O dos currículos audiovisuais é a aposta máis innovadora e pon todo o preciso a disposición dos estudantes que están a piques de rematar a carreira. Como explica Ignacio Armesto, director da Área de Emprego, “varios consultores profesionais realizaron píldoras informativas a modo de consellos”, presentados polo xornalistas da TVG e profesor na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, Manuel López Torrente. Unha vez que os estudantes teñen clara a súa idea, o persoal de UVigoTv porá á súa disposición tanto o plató multimedia como as ferramentas tecnolóxicas precisas para a gravación.

Armesto explica que se debe tratar de pezas de entre 2 ou 3 minutos a través das que o posible empregador pode coñecer, ademais da formación e experiencia do candidato, o seu aspecto, a comunicación non verbal, como se expresa, etc. Se domina idiomas recoméndaselle que falen un pouco nesta lingua. “É un currículo diferente, un modo de diferenciar; xa hai xente que os está a facer, pero con este proxecto o que ofrecemos é a posibilidade de ter unha imaxe profesional, un traballo ben feito”.

Romper a barreira da timidez

Este proxecto arrancou con tres vídeos en aberto a modo de mostra que servirán de inspiración aos interesados. Dende a Área de Emprego destacan que o ideal sería que todos os estudantes puideran ter os seus currículos audiovisuais nesta web, “para que o empregador saiba o que lle ofrece a Universidade de Vigo”, pero recoñece que a barreira da timidez vai ser o principal reto. Lembra Armesto que nunha entrevista persoal non se pode repetir ata que o resultado sexa o que buscamos, mentres que o vídeo-CV ofrece esa oportunidade e anima aos estudantes a perder o medo, porque “quen é quen de diferenciarse vai por diante”.

De todos modos, o vídeo final queda en mans do alumno ou alumna, que decide se quere colgalo na canles de emprego de UVigoTv, se quere facelo pero cun contrasinal para o seu visionado ou se prefire subilo a Youtube ou Vimeo, por exemplo. Nestes intres páxina contén xa 13 vídeos, principalmente de titulados en Publicidade e RRPP e Enxeñaría de Telecomunicación, aínda que son de acceso restrinxido. Ignacio Armesto destaca tamén que o ideal é que o currículos tradicionais, en papel ou pdf inclúan un enlace ao vídeo-CV, facilitando o traballo aos departamentos de Recursos Humanos que, por outra banda, están xa a facer as primeiras seleccións empregando Linkedin ou mesmo redes sociais como Facebook.

Unha nova fiestra aos contidos audiovisuais

A renovación da páxina web de UVigoTv supón non só un cambio estético senón importantes melloras tecnolóxicas. A principal é o uso de linguaxe html5, que permite que todos os contidos publicados na web se poidan visualizar en calquera tipo de dispositivo, algo que antes non era posible por exemplo en tabletas o iPhones.

Por outra banda, a nova plataforma presenta varias canles, entre elas a de emprego e a de innovación educativa, microsites que permiten crear un polo no que compilar vídeos arredor dun mesmo contido. En carteira está a posta en marcha dunha canle de igualdade e doutra centrada en contidos en lingua de signos. “Deste xeito dáselle visibilidade a estes materiais, facilítase a busca e permite que o usuario dun xeito sinxelo poida ver as novidades e os vídeos máis vistos de cada unhas das canles”, explican dende UVigoTV. “É un xeito de achegarse aos diferentes públicos e de adaptarnos aos diferentes targets, algo que podemos facer ao sermos un medio web”, puntualizan.

En total, en UVigoTV están dispoñibles máis de 9000 vídeos, 7000 horas, case 900 coleccións e, ano tras ano, supérase o millón de vídeos vistos. É así un dos maiores repositorios de contidos educativos e científicos en español en internet con recursos audiovisuais e están sendo empregados tanto en España como en Iberoamérica. Todos estes contidos están tamén publicados en YouTube e iTunesU.