DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Na exposición do Club de Creativos que recompila oitenta pezas de gran formato

As mellores ideas publicitarias do ano poderán verse en CC Sociais e da Comunicación

A mostra inagúrase o vindeiro luns coa presenza de Concha Wert, Toni Segarra e Rafa Antón

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Cultura
E.L. Castro DUVI 27/11/2009

A Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación acollerá a partir do vindeiro luns a exposición do Club de Creativos (CdeC), que recompila as mellores pezas da comunicación publicitaria do último ano en España, neste caso no seu desenvolvemento gráfico. A escolma está realizada a partir dos traballos presentados polos socios e socias do CdeC ao Día C, o evento organizado anualmente por esta asociación para analizar a creatividade publicitaria española e premiar as mellores ideas, que posteriormente se recollen nun anuario.
A iniciativa parte da Área de Comunicación e Publicidade da Universidade de Vigo e será presentada o vindeiro luns por Concha Wert, xerente do CdeC, e os dous participantes no último encontro do ciclo Fálame do teu, Toni Segarra e Rafa Antón, directores creativos executivos de, respectivamente, *S,C,P,F... e Vitruvio Leo Burnett, que foron tamén presidentes do CdeC ao longo dos seus dez anos de historia. Farán un percorrido a partir das 17.00 horas pola exposición , que estará montada nas zonas comúns da facultade, é dicir, no vestíbulo de entrada na planta baixa, no corredor de acceso ás aulas e no vestíbulo de acceso á cafetaría e á biblioteca na primeira planta.
A exposición está integrada por oitenta pezas de gran formato, de entre 40x50 e 40x70 centímetros. Para a súa montaxe empregaranse varias torres de andamios, sobre as que se pendurarán as distintas obras, impresas sobre cartón pluma. Este recurso busca reflectir, segundo Chechu Pérez, profesor da facultade e un dos promotores da mostra, “a sociedade de consumo actual” na que se insiren as propias creacións publicitarias.

O CdeC, dez anos de historia

Ademais dunha oportunidade de ver reunida unha selección das mellores ideas da comunicación publicitaria, esta mostra permitirá dar a coñecer entre o alumnado o traballo do Club de Creativos en canto a asociación profesional, posto que desenvolve numerosas accións formativas que poden ser do seu interese.
O CdeC é unha asociación sen ánimo de lucro con dez anos de historia, que busca a unión entre os profesionais do sector para traballar a prol da educación e a formación. Para cumprir este obxectivo traballa en colaboración con tres colectivos: os profesionais da creatividade, para os que trata de crear un foro de debate; os estudantes e mozos que acaban de rematar os seus estudos, para os que xera unha vía de achegamento aos mercado laboral; e os anunciantes.