DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Póñense en marcha os Premios INCUVI-Emprende para realizar a selección dos proxectos

As mellores iniciativas emprendedoras madurarán á calor da incubadora universitaria

As propostas do estudantado poderán presentarse ata o 1 de decembro

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
M. Del Río DUVI 04/11/2011
Un espazo protexido, con asesoramento e toda a axuda precisa para dar os primeiros pasos. Nesta contorna darán os seus primeiros pasos as novas ideas empresariais que nazan do traballo do estudantado e dos novos titulados da Universidade de Vigo. A incubadora INCUVI dará acubillo a seis propostas innovadoras a partir do mes de xaneiro ofrecéndolles un espazo físico onde instalarse completamente acondicionado por un período máximo dun ano.

Estrearán este espazo os gañadores dos 1º Premios INCUVI-Emprende, un certame ao que se poderán presentar propostas ata o vindeiro 1 de decembro, e que, segundo explica o vicerreitor de Transferencia do Coñecemento, José Antonio Vilán, ofrece a posibilidade de acceder a “unha contorna que permita maximizar as posibilidades de materialización das súas ideas creativas e emprendedoras de xeito que poidan transformalas en novos proxectos emprendedores”.

Estrea da incubadora universitaria

A pre-incubadora INCUVI xorde da sensibilidade da Universidade, de Cidade Universitaria e da Fundación Universidade de Vigo pola “situación que atravesan as persoas que queren iniciar novos proxectos empresariais”. Xunto con estas tres entidades son patrocinadores da incubadora Novacaixagalicia, Banco Santander, PSA Peugeot Citroën, AJE Galicia, ASIME e o Consorcio da Zona Franca de Vigo.

O Premio INCUVI-Emprende xorde precisamente para actuar de filtro das propostas de innovación e emprendemento xeradas na Universidade e seleccionar aquelas cun maior potencial de desenvolvemento. Nesta primeira edición concederanse seis premios que se corresponden coas seis oficinas das que dispón INCUVI. Os proxectos elixidos, explica o vicerreitor, gozarán dunha estancia que “implica dotalos dunha infraestrutura que, doutro xeito, suporía un gasto dificilmente asumible e que lles permitirá avanzar no desenvolvemento da súa idea”. Disporán así dunha oficina de 15 metros cadrados, equipada con mobiliario e acceso a internet, ademais do asesoramento directo en temas relacionados coa creación de empresas, temas legais societarios e laborais, co fin de poder levar a cabo un plan de negocio que desemboque na creación dunha empresa.

A posta en marcha efectiva desta nova infraestrutura universitaria terá lugar en xaneiro, unha vez sexa publicada a resolución dos gañadores do premio.

Bases dos Premios INCUVI-Emprende

O procedemento para a selección dos proxectos presentados farase en dúas fases. Na primeira os futuros empresarios serán entrevistados por un grupo de expertos en emprendemento e da que sairán os finalistas que unha comisión formada por persoeiros do mundo empresarial e universitario avaliará finalmente.

Os proxectos poden ser presentados individualmente ou por grupos dun máximo de catro estudantes ou titulados no curso 2009/2010 ou posteriores. A valoración dos mesmos atenderá principalmente ao seu espírito emprendedor e terá en conta o seu carácter innovador e a viabilidade, a empregabilidade, o potencial de internacionalización, o aproveitamento dos recursos, a sustentabilidade, o nivel de implicación real dos emprendedores e a responsabilidade social do proxecto. A través deste premio, cada ano irán mudando os inquilinos da incubadora, para ir dando paso a novos proxectos emprendedores.