DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O Centro de Linguas imparte dous cursos de idiomas nesta escola

Melodías con aire doutras linguas no Conservatorio Superior de Música

Do 14 ao 17 de marzo os interesados poderán matricularse en nivel básico de alemán e medio de inglés

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
DUVI 11/03/2011
Noemí Rey | Vigo
A busca de Angela Merkel de traballadores españois cualificados desatou unha carreira por matricularse en cursos de idiomas que chegou incluso ao Conservatorio Superior de Música de Vigo. A petición directa del, o Centro de Linguas creará grupos específicos de alemán e de inglés para o seu alumnado, aínda que a inscrición tamén estará aberta ao público en xeral. Unha iniciativa que nace coa idea de "perdurar no tempo", aínda que nesta ocasión só haberá un máximo de dous grupos de 20 persoas por actividade. “A intención é que se converta nun curso cuadrimestral con incluso máis grupos. Agora houbo que encaixar os horarios cos do Conservatorio pero en vindeiras ocasións os cursos terán unha quenda específica”, explica Ángela Deza, auxiliar do Centro de Linguas.

Os interesados en aprender alemán terán a oportunidade de participar nun curso de 40 horas de iniciación á lingua no que se traballarán a comprensión e expresión oral e escrita para persoas sen ningunha noción previa do idioma. Mentres, para participar no curso de inglés, de nivel medio, haberá que cubrir polo menos algún destes requisitos: ter rematado o Básico 2 ou Intermedio 1 na Escola Oficial de Idiomas; o curso de grao 6 do Trinity College; o PET de Cambridge College ou ter sacado un mínimo de 3.0 no exame do International English Language Testing System ou 225 no Test of English for International Communication.

A inscrición, do 14 ao 17 de marzo

O prazo para matricularse nalgún destes dous cursos ábrese o vindeiro 14 de marzo e durará tan só catro días, xa que as clases comezarán o 21 de marzo. Cun prezo de entre 120 e 160 euros, dependendo de se o interesado pertence á comunidade universitaria, ao Conservatorio ou non, o alumnado que asista ao 85% das clases recibirá un diploma de asistencia co total de horas e créditos do curso.

Para inscribirse hai que pagar as taxas no Banco Santander indicando o código do curso e remitir o resgardo ao Centro de Linguas coa folla da matrícula, a fotocopia do DNI e, de ser preciso, un xustificante de ser membro da comunidade universitaria ou do Conservatorio Superior de Música. Pode entregarse en persoa nas oficinas da Facultade de Filoloxía e Tradución ou enviarse por mail ao centrodelinguas@uvigo.es ou por fax ao 986 81 86 49. As clases asignaranse por estrita orde de matrícula, que se confirmará a través dun correo electrónico.