DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Laura Seara participou nas xornadas sobre historia e memoria da ditadura

Memoria para abrir cárceres visibles e invisibles da muller no franquismo

Advertiu que, a pesares dos avances, a igualdade real aínda non existe

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Rosa Tedín DUVI 11/04/2011
Unha muller sumisa, obediente, dependente, “un anxo do fogar” e “gardiá da honra do home” cuxa función primordial era a procreación. Sen posibilidade de divorcio, sen independencia económica nin familiar, sen bens propios, sen control sobre a reprodución. Este era o papel deseñado polo franquismo para a muller da súa época e o papel que este luns analizou polo miúdo Laura Seara, directora xeral do Instituto da Muller, nas VIII Xornadas sociedade e dereito. Historia e memoria do réxime de Franco, que organiza a Facultade de Dereito de Ourense e a Asociación Galega de Estudos Xurídicos. Fronte a ela, medio cento de universitarios nacidos xa en democracia para quen este apartado da historia queda lonxe no tempo pero do que viven as súas secuelas pola falla aínda de igualdade real na sociedade.

No detallado percorrido que polo franquismo están realizando as VIII Xornadas sociedade e dereito desde o pasado 4 de abril non podía faltar un capítulo dedicado ás políticas de xénero e á condición feminina da muller na ditadura, tal e como salienta José Agustín González-Ares, director deste encontro. Para abordar esta cuestión, Laura Seara acudiu ao campus de Ourense a ofrecer unha conferencia na que estivo acompañada por Camilo Ocampo, subdelegado do goberno en Ourense, e María Lameiras, vicerreitora do campus de Ourense. Durante a presentación, Lameiras salientou a importancia desta conferencia xa que “a realidade da muller no franquismo está moi lonxe da actual pero fronte aos que pensan que todo está feito estamos os que pensamos que aínda queda moito por facer e por iso estamos hoxe aquí”.

Políticas en negativo

Laura Seara comezou a súa intervención salientando que durante o franquismo “si existían políticas de xénero, pero, ao contrario que agora, eran políticas de xénero en negativo, destinadas a que as mulleres se mantivesen nun papel de subordinación”. No deseño e aplicación destas medidas destinadas a institucionalizar o sistema patriarcal, salienta Seara, xogaron un papel fundamental a Sección Feminina e a propia Igrexa católica. Foron ademais unhas políticas especialmente duras para a muller pois, explica, supoñían “renunciar aos dereitos adquiridos na Segunda República”.

Durante a conferencia, a responsable do Instituto da Muller salientaba que “a igualdade está intimamente ligada coa liberdade dun pobo”, polo que ao non haber democracia durante case catro décadas, a muller enfrontou unha etapa histórica na que estivo obrigada a ocupar un segundo plano. Contra ese dano, Seara quixo render homenaxe a todas as mulleres que traballaron pola igualdade e resistiron “nos cárceres reais e nos simbólicos, nos cárceres visibles e nos invisibles, nos das súas propias vidas, nos espazos públicos e nos privados, a todas as mulleres paseadas, encarceadas, represariadas e as que viviron o exilio exterior ou interior”. Seara lembrou con especial emoción a todas as mulleres que, como a súa bisavoa Carmen, durante ese escuro período da historia de España estiveron ás portas dos cárceres intentado axudar aos seus familiares detidos.

Pasaron máis de tres décadas desde a instauración da democracia pero Laura Seara salienta a importancia de que se faga memoria. “Este país estivo demasiados anos calado sobre o franquismo, sobre esa longa noite de pedra, e hoxe é un bo momento para lembrar, porque só facendo memoria podemos construír un futuro mellor”. No caso concreto da igualdade, advirte, a situación actual é herdeira do pasado e “aínda que a igualde legal existe a igualdade real non está acadada”. Deste xeito, amosa a súa preocupación por feitos como a existencia de diferenzas salariais entre homes e mulleres do 17%, o alto grao de tolerancia das mulleres novas a unha labazada ou ao control por parte dos homes ou o divorcio entre formación e situación laboral das mulleres. “Houbo un salto espectacular pero non está todo conseguido” advirte.