DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A apertura dunha foxa ou as lembranzas dos maquis, entre os temas que se tratarán

Memoria e cine guían o itinerario do ciclo "Historia(s) de España"

O prazo de inscrición permanecerá aberto ata o 3 de marzo

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Camino Carballeira DUVI 26/02/2009

Os acontecementos que nas últimas décadas foron fundamentais para o noso devir histórico están constituídos por vivencias de rúa e detalles que quedan soterrados pola aséptica versión oficial. Sacar á luz esas "historias da historia de España" é o obxectivo do ciclo de cine que comeza o vindeiro 3 de marzo na Casa das Campás. Günter Schwaiger e Hermann Peseckas, Cecilia Bartolomé e Javier Corcuera son os autores das pezas que se proxectarán.
Historia(s) de España reúne catro películas documentais que “reflexan de diferentes maneiras os cambios na vida dos españois”, explica o coordinador do ciclo, Suso Novás. Como unha sorte de cortes verticais sobre os últimos anos da historia de España ofrece documentos sobre “os maquis, as foxas, as represalias no rural español ou a Transición que foron tapados pola oficialidade, todo o labor da xente do pobo, dos movementos sindicais, agrarios ou estudiantís que se sacrificaron para acadar a democracia”, apunta.
O impacto que provoca a exhumación dunha foxa en Santa Cruz de la Salceda, Burgos, queda recollido na primeira cinta do ciclo, Santa Cruz por exemplo, de Günter Schwaiger e Herman Peseckas. A través deste filme compréndese que estes acontecementos non só removen terra senón tamén conciencias, recordos e vivencias. Os días 4 e 5 o ciclo deterase no “documento inapelable e moi pertinente” de Cecilia Bartolomé, cineasta pioneira da primeira etapa democrática canda Pilar Miró e Josefina Molina. Despois de… Non se vos pode deixar sós e Despois de… Atado e ben atado “sorprenden", segundo sinala Novás, "pola similitude entre os discursos dos cidadáns de 1981 e os de hoxe”. O rescate da memoria dos que seguiron loitando pola República despois de 1939 guía o discurso de A guerrilla da memoria, de Javier Corcuera, a última das proxeccións.

Pasado e futuro

E non se trata só de mirar ao pasado, “tamén é unha maneira de entender os problemas que temos agora, como este bibandismo machadiano”, sinala Novás, que tamén aclara que “non se trata de ser acusatorios ou poñer o dedo na chaga”. A intención básica é dar a coñecer a unha parte da historia que, doutro xeito, determinados sectores da poboación, como o público máis novo, non tería posibilidades de ver.
O ciclo pecharase o día 9 cun relatorio de Suso Novás sobre o tratamento da memoria no cine español a través dun itinerario polo imaxinario cinematográfico, dende os documentos máis oficialistas a outros continuístas, disidentes ou metafóricos. A partir do 4 de marzo estará aberta ao público unha videoinstalación realizada por Günter Schwaiger e Tom Lavin que emprega imaxes do levantamento da foxa de Santa Cruz de la Salceda, da propia película ou recursos de prensa. Ademais tamén se expoñerá un mapa de España, de 9 metros cadrados, cuberto con terra retirada da propia foxa.

Matrícula

As sesións comezarán todos os días ás 17.30 horas e, tras a proxección da cinta establecerase un coloquio. A inscrición no ciclo é gratuíta e pode realizarse, ata o 3 de marzo, na Vicerreitoría do campus ou enviando nome, apelidos, DNI e número de contacto ao enderezo campuspontevedra@uvigo.es. O ciclo recoñecerase con un crédito de libre elección.