DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O Edificio de Ferro acolle durante tres días as Xornadas de Toponimia

Memoria para protexer a tradición das agresións dos novos tempos

Os termos comerciais e honoríficos e a falta de lexislación, principais barreiras deste patrimonio i

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
DUVI 07/04/2011
Noemí Rey | Ourense
O paso do tempo, a mudanza da paisaxe e das formas de vida poñen en grave risco a supervivencia dunha riqueza tan senlleira como a toponimia. Por iso, porque cada recuncho de Galicia ten un nome que merece ser recordado, puxéronse en marcha as Xornadas de Toponimia, organizadas pola Asociación Socio-Pedagóxica Galega, Servizos de Normalización Lingüística do Concello de Ourense e Universidade de Vigo e que durante tres días reivindicarán os nomes de lugares como parte esencial da cultura galega. "Os topónimos forman parte do noso patrimonio, algo que non sempre se recolle na lexislación", recordou Gonzalo Navaza, escritor. El foi o primeiro en denunciar as agresións que sofre a toponimia tradicional: "no rural a derivada do despoboamento, nos núcleos urbáns pola expansión das cidades, que produce o mesmo efecto". "O urbanocentrismo leva a ocupar o campo coma se fóra un lugar amnésico, sen historia previa, sen embargo é o patrimonio máis bonito e barato de conservar, porque non precisa investimento e canto máis se usa máis forza ten, non se gasta", subliñou este estudoso da toponimia, membro do Instituto de Estudos Miñoranos.

Balizas de localización xeográfica dos momentos históricos vividos, a toponimia séntese desprotexida a nivel legal, onde as competencias entre administracións entran en continua pugna. Transferida ás autonomías, a única que recolle este tipo de patrimonio na súa lexislación é Canarias, "aínda que con referencias vagas". Cando se da un paso máis e se chega aos tramos interurbanos, de competencia municipal, o barullo é total. Só hai que botar un ollo aos principais concellos galegos: Santiago é o exemplo da simbiose, cun centro histórico que respeta os nomes dende tempos medievais e cunha zona nova exemplo "do desmadre do cemento e do formigón" con termos conmemorativos ou honoríficos, unha das maiores ameazas da toponimia.

Mirando con envexa a Canadá

En Vigo, en cambio, deuse un paso adiante moi importante que non chegou a culminar en feitos contundentes. En 2003 a Asociación Galega de Onomástica, que recolle nomes propios e de lugares, e a Federación de Asociacións de Veciños Eduardo Chao asinaban unha declaración na que recoñecían o valor patrimonial da toponimia e esixían que os novos viais foran bautizados con nomes tradicionais. Un convenio ao que se adhería o Concello de Vigo que, ao non incorporar estes mandatos ás súas ordenanzas, permitíu "urbanizacións con nomes comerciais propostos polos promotores, sacrificando os tradicionais, ou rúas con topónimos honoríficos postos por inercia", lamenta Navaza. A excepción, o PAU de Navia, na que se respetaron os topónimos que usaban os veciños da zona.

Sen embargo, a onde miran con verdadeira envexa todos os amantes deste patrimonio inmaterial é a Canadá, un "país modélico onde a maioría dos nomes son de cuño recente, polo que lles interesa moito conservar os topónimos anteriores á chegada dos europeos". Alí o nome tradicional ou o histórico debe prevalecer por riba dos conmemorativos e para poder porlle o nome dunha persoa a unha rúa ou lugar hai que superar tres puntos claves: que o personaxe leve polo menos 50 anos morto, que non sepulte ningún nome tradicional e que case ninguén se opoña. "Cun 15% de oposición popular o nome non vai adiante, o que dificulta bastante o espolio da toponimia", recoñece o escritor.

Saída de campo

A xornada de hoxe rematará coa presentación de Xosé Lois Villar do seu traballo de talasonimia, os nomes do mar, mentres que mañá Vicente Feijóo fará o propio coa litonimia, os nomes dos penedos, e Xulia Marqués afondará nas posibilidades didácticas da toponimia. O ciclo terminará o sábado cunha saída de campo a Montealegre aberta a todos os interesados dirixida por Xilberte Manso, membro do Instituto de Estudos Miñoranos.