DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A banda catalá presentou "Souvenir"dentro do ciclo Sonora09

Mendetz radiografía o seu son ante o público do Vidal Bolaño

The Gentle Friendly foron os teloneiros

Etiquetas
  • Vigo
  • Cultura
DUVI DUVI 06/05/2009

Sintetizadores descontrolados, groovies virtuais que se mesturan con ecos do son Philadelphia. Cancións cheas de bifurcacións polas que transitan personaxes estraños e solitarios. Novos instrumentos e traballadas ferramentas de estudo. Todo isto e máis ofreceu Mendetz no concerto presentación do seu novo disco Souvenir no Teatro Vidal Bolaño, unha actuación que forma parte da programación do ciclo Sonora09 Primavera que este mércores achegouse ao campus.
Pero antes de que o Vidal Bolaño fose tomado polos sons discotequeros do grupo catalán, o encargo de quecer ao público correspondeulle ao dúo londinense The Gentle Friendly. Música ruidosa e explosiva imaxinación foron os ingredientes básicos do menú que Dave Morris e Daniel Boyle, ofreceron aos asistentes ante os que presentaron o seu último traballo, Night Tape.
Pero o prato forte, despois de facer boca con The Gentle Friendly, foi o que dispuxeron sobre o escenario do Vidal Bolaño Mendetz, confirmada como unha banda sen complexos, cinco anos despois da súa formación. Xurdido tras unha viaxe por México e mesturado en Paris por Alf, con Souvenir, a banda barcelonesa, afonda nas entrañas do seu ADN musical a través dunha decena de temas aos que en concerto inxectan doses extra de intensidade.

Mañá Mothlite debuta nun escenario español

Os británicos Mothlite subiranse por primeira vez a un escenario español este xoves. E será no Teatro Vidal Bolaño onde lanzarán ao público, a través do seu primeiro disco The Flax of Reverie, a unha metamorfose acústica chea de panoramas escuros e espazos dentro doutros espazos, de horizontes incandescentes. No seu disco de debut, a banda británica incluíu seis pezas que abarcan desde elementos corais, torrentes de cordas, melodías contra disonancias, así como manipulación instrumentala o estilo dos mesmos Pink Floyd. Os Mothlite estarán precedidos no escenario polo grupo The Secret Society.