DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A súa candidatura, a única presentada, recibiu un 88,5% dos votos

Mercedes Suárez e o seu equipo renovan ao fronte da Facultade de Ciencias da Educación

O centro conta con máis de 1500 alumnos e alumnas repartidos en varios graos e másters

Etiquetas
  • Ourense
  • Institucional
Rosa Tedín DUVI 04/03/2011
A Facultade de Ciencias da Educación elixiu esta semana ao seu equipo decanal para os vindeiros tres anos. Un proceso de renovación que neste caso consistiu na consolidación do grupo que viña desenvolvendo estas funcións ata o momento. Como única candidatura presentada, Mercedes García e o seu equipo gañaron as eleccións cun 88,5% de votos positivos, un resultado que abala o traballo que veñen realizado neste centro, un dos máis grandes do campus e tamén da Universidade.

O equipo decanal de Ciencias da Educación continúa polo tanto formado polos mesmos integrantes. Mercedes García permanece como decana da facultade; María del Pino continúa como responsable de Educación Infantil; María del Mar García, de Educación Primaria; Xosé Manuel Cid de Educación Social e Ramón Ángel Fernández, de secretario. A súa candidatura obtivo o apoio de 54 dos 61 votos emitidos, contando tan só con catro votos negativos e tres en branco.

Principais retos

Na valoración dos tres anos que estiveron ao fronte do centro, Mercedes García salienta que Ciencias da Educación viviu “todo o cambio da estrutura universitaria coa implantación do Plan Boloña”. Neste proceso destaca a súa satisfacción porque “a facultade se desenvolveu con moita dignidade nunha época de cambios bastante profundos”. Para o novo período de goberno, a decana marca como retos “finalizar a implantación de graos e acometer todos os procesos de calidade e avaliación que ratifiquen o valor das nosas titulacións”.

García agradece todo o apoio recibido neste período e na reelección e salienta o traballo realizado polo equipo nun centro que, explica, presenta certa complexidade polo elevado número de alumnos e alumnas que ten, máis de 1500, e pola súa oferta educativa, formada actualmente por catro graos e catro másters. Unhas cifras que converten á Facultade de Ciencias da Educación na de maior dimensión do campus e unha das máis destacadas dentro da Universidade de Vigo.