DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No marco das xornadas "Os menores ante a violencia de xénero"

Unha mesa redonda amosa o labor do día a día nos Xulgados de Violencia contra a Muller

Interviron os xuíces Manuel Ángel Pereira e Carlos Villarino e a fiscal Enma Rodríguez

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
Camino Carballeira DUVI 19/06/2009

Nos casos de violencia de xénero adoita haber máis que a vítima máis evidente, a muller maltratada. Moitas veces, detrás dela hai menores que sofren unha situación que a xustiza pode paliar. Para analizar desde unha perspectiva práctica o día a día da aplicación da normativa vixente, as xornadas Os menores ante a violencia de xénero, organizadas pola Área de Dereito Procesual da Universidade en colaboración con Cátedra da Infancia, reuniron este venres a Enma González, fiscal do Xulgado de Instrución número 3 e ata febreiro do Xulgado de Violencia contra a Muller; Manuel Ángel Pereira, maxistrado-xuíz do Xulgado de Violencia sobre a Muller de Vigo; e Carlos Villarino, maxistrado-xuíz do Xulgado de Familia número 12 de Vigo.
Nunha mesa redonda coordinada polo profesor Pablo Grande, director das xornadas, os tres achegaron a súa experiencia sobre este asunto. Enma González explicou que a protección que se realiza do menor “é bastante extensa”. A fiscal comezou a súa intervención recordando a definición das persoas que poden quedar protexidas baixo a área penal nos Xulgados de Violencia contra a Muller. Indicou que “o espectro é amplo” e inclúe a descendentes, ascendentes, irmáns ou suxeitos en situación de tutela, potestade ou acollida, abrindo aínda unha porta máis cunha mención ás persoas “especialmente vulnerables que convivan co autor”. Outro dos puntos clave da intervención de González foi o recordatorio de que para que o xuíz coñeza estes delitos “requírese un acto de violencia de xénero anterior ou simultáneo”, que describan actos cunha “mesma cohesión, a vontade agresora”. E é que en caso de que estes fosen posteriores, quedarían baixo o paraugas da violencia doméstica coa que tende a confundirse a violencia de xénero.
Detrás de todos estes apuntamentos, segundo indicou a fiscal, está a vontade do lexislador de “manter a paz e o sosego da familia” e precisamente por iso o suposto dunha agresión diante dun deses suxeitos “especialmente vulnerables” é considerado agravante.

A protección dos menores

Pola súa parte, o xuíz do Xulgado de Violencia sobre a Muller de Vigo, Manuel Ángel Pereira, trasladou a súa experiencia profesional e aproveitou a ocasión para “facer fincapé nas medidas efectivas de protección”. Entre elas sinalou que o punto de partida sempre é “a orde de protección”, unha moeda de cambio corrente nos xulgados que actúa como “unha garantía”.
Pereira atendeu primeiro ás medidas cautelares penais entre as que se atopa o afastamento, a obriga de abandono do domicilio ou da comunicación. Respecto a este tipo de medidas comentou que “aínda que son moi demandadas o seu uso restrínxese para non limitar os dereitos do pai na súa relacións cos fillos”.

Do Xulgado de Familia ao Xulgado de Violencia contra a Muller

A relación e o transvasamento de casos entre os Xulgados de Familia e os de Violencia contra a Muller foi o eixo da intervención de Carlos Villarino, que ofreceu unha panorámica dos requisitos que deciden “quen debe coñecer os procedementos civís en caso de violencia de xénero” ao mesmo tempo que explicou os mecanismos destes desprazamentos. Villarino sinalou que “o trasvasamento só pode ser nun único sentido: do Xulgado de Familia ao Xulgado de Violencia contra a Muller” e nunca á inversa xa que neste caso “podería darse relación a dilacións indebidas”. Para completar a cuestión tamén fixo un repaso dos motivos de que se leve a cabo este traspaso dos que o máis esgrimido “nun 95% dos casos é aquel no que o Xulgado de Familia coñece que existe un proceso penal por violencia de xénero”.