DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Tui acolle o 8º Congreso Internacional de Molinoloxía entre o 28 e o 30 de abril de 2012

Mesmos muíños, novas funcións

200 expertos debaterán sobre o uso de da ciencia para que esta arquitectura “teña repercusión na vid

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
Noemí Rey DUVI 22/12/2011

Teñen finalidades distintas dependendo da zona no que se construíra: mentres que no norte de España estaban vinculados á economía de subsistencia, no resto do país funcionaban como verdadeiras industrias fariñeiras privadas ou colectivas. Os muíños, espallados por cada recuncho da xeografía galega, serán os protagonistas do8º Congreso Internacional de Molinoloxía que organiza a Asociación Galega de Amigos dos Muíños (ASGAMUI) co apoio da Universidade de Vigo, a Deputación de Pontevedra e os concellos de Tui, Meaño, O Rosal e Vigo. Entre os días 28 e 30 de abril de 2012, uns 200 expertos internacionais tratarán de “ennoblecer a restauración do patrimonio etnográfico” dende o punto de vista da innovación e da ciencia, xa que “as reformas deben ter unha base científica e estes elementos patrimoniais non poden restaurarse como museos estáticos e mortos, senón que coa axuda das novas tecnoloxías hai que adaptalos á vida e á contorna actual. Non poden cumprir a mesma función que hai cen anos, é necesario un carácter innovador para que esta arquitectura popular teña a súa repercusión na vida moderna”, explicou Xabier Lores, presidente de ASGAMUI e organizador do evento.

Participantes de España, Italia, Francia, México e Portugal falarán sobre aspectos tan diversos como a enxeñaría, a industria e a tecnoloxía nos muíños, sobre a súa arquitectura e o seu protocolo de restauración, sobre a economía e a lexislación dos elementos patrimoniais e sobre a cultura, historia, literatura, arte e música que levan arredor, xa que “a través da vida dun muíño pode estudarse o devir de toda unha sociedade”, apuntou Xosé Henrique Costas, vicerreitor de Extensión Universitaria. Outro dos sectores co que os expertos intentan vincular este patrimonio etnográfico é co turístico, axudando así a que “aparte do valor histórico que teñen acaden o éxito comercial e económico”, salientou Pablo Baquero, deputado provincial.

Eixo de transferencia do coñecemento

Con traballo de campo e visitas aos muíños do Salnés, do Folón e do Picón, os congresistas participarán nunha actividade “con unha dimensión académica moi importante, pero tamén moi relacionada coa transferencia de coñecemento e coa que afondar no saber da cultura material e inmaterial”, recalcou Rafael Vallejo, profesor da Universidade de Vigo que colabora na organización do evento xunto co tamén docente Francisco Torres. Ademais de desenvolver a páxina web e ceder o espazo para a sede do comité científico, a Universidade de Vigo será a encargada de recibir as propostas e comunicacións do congreso. A organización editará en CD e papel unha publicación con toda esta documentación e as actas do evento.

Para dar un paso máis aló e fomentar a valorización de este patrimonio etnográfico, a Universidade de Vigo está a traballar no Parque do coñecemento, un proxecto “cunha serie de rutas ecolóxicas, arqueolóxicas, paisaxísticas, deportivas... por todo o campus e arredores para ensinar á xente que aquí non só se vén a estudar, senón tamén a divertir e coñecer”, adiantou Costas.

Un congreso bianual

A Asociación para la Conservación y Estudio de los Molinos (ACEM) organiza este tipo de congresos dende 1995 cada dous anos. Tras comezar no Museo do Pobo Galego de Santiago e pasar por cidades como Mallorca, Córdoba ou Murcia, na edición celebrada no 2010 en Zamora a Asociación Galega de Amigos dos Muíños conseguiu traer de novo o congreso a Galicia. O obxectivo é exaltar a cultura popular e o patrimonio etnográfico como manifestacións materiais que levan implícito o selo inequívoco dun modo de vivir e ser que queren que sexa coñecido, recoñecido, respectado e valorado polas xeracións actuais e vindeiras.