DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Este curso púxose en marcha un novo posgrao con este obxectivo

Un mestrado para afrontar os desafíos das cidades

É unha iniciativa das tres universidades galegas e as lusas de Minho, Porto e UTAD

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Institucional
DUVI Ourense 15/12/2022

Entre as novidades formativas que incorpora este curso académico a Universidade de Vigo está o Mestrado Universitario en Desafíos das Cidades. O título, no que participan as tres universidades galegas e as lusas de Minho, Porto e Trás-os-Montes e Alto Douro (UTAD), xorde no marco do proxecto Universidade sem Fronteiras (UNISF). Na súa posta en marcha, a iniciativa conta cun total de 27 persoas inscritas, catro delas adscritas á Universidade de Vigo.

A Universidade sem Fronteiras é froito da colaboración entre a Fundación Centro de Estudos Eurorexionais (FCEER) e as universidades públicas da Galicia e do Norte de Portugal. Trátase dun proxecto cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) a través do Programa Interreg V-A España-Portugal (POCTEP) 2014-2020. Despois de anos de cooperación, sinalan desde a entidade, decidiron apostar pola creación de títulos conxuntos entre as institucións académicas implicadas para facilitar a posta en común dos seus recursos e puntos fortes, a dinamización da mobilidade de profesorado e alumnado e a creación dunha oferta educativa innovadora e de excelencia eurorexional.

Seis dimensións de traballo

A participación da UVigo no novo posgrao está coordinada desde a Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense pola profesora Almudena Alonso. O Mestrado Universitario en Desafíos das Cidades ten como obxectivo “analizar os desafíos actuais e as súas respectivas respostas para transformalas en cidades sostibles, intelixentes, eficientes, resilientes e inclusivas”. Para facelo, ten en conta seis dimensións dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible: a física; a social e educativa; a ambiental; a tecnolóxica; a política e a económica. O título pretende ofrecer ás e aos participantes “un amplo coñecemento dos problemas urbanos contemporáneos, das súas diversidades, evolucións e posibles solucións, así como de políticas, plans e intervencións, adquirindo competencias profesionais avanzadas para intervir ben en institucións públicas (rexionais, municipais, locais e outras, ademais de entidades xestoras) ou en empresas privadas implicadas no desenvolvemento do territorio”.

O mestrado, liderado desde Portugal pola Universidade de Minho, conta con 90 ECTS e docencia en galego, portugués e castelán. Desenvólvese ao longo de tres semestres, centrándose os dous primeiros na formación e prácticas nun ámbito institucional ou empresarial e o terceiro na elaboración do traballo fin de mestrado. Ademais de adquirir formación en metodoloxías de investigación e elaboración do traballo fin de estudos, as e os estudantes cursan materias nas que abordan os desafíos das cidades en cada unha das seis dimensións contempladas no seu programa. Nelas afondan en temáticas como a formación das estruturas urbanas, a materialización do espazo público e o espazo construído como patrimonio sostible; os estilos de vida saudables e as políticas e prácticas de inclusión e desenvolvemento en cidades sostibles. Outras das materias abranguen cuestións como os sistemas das cidades sostibles e a xestión do ambiente urbano, a súa monitorización, avaliación e minimización; a Internet das cousas e a comunicación e os sistemas de información para a creación de cidades; o dereito urbano e a planificación, prospectiva e xestión urbana e as economías de aglomeración e clústeres.

A docencia de cada materia corre a cargo de dous profesores ou profesoras, un dunha das tres universidades galegas e outro dunha das tres universidades do Norte de Portugal. “O traballo en equipo docente permite ofrecer visións complementarias e holísticas, considerando a natureza, a identidade e a idiosincrasia dos dous países, Portugal e España”, sinalan desde a organización do título. A formación desenvólvese totalmente de xeito virtual pero o alumnado ten que asistir aos centros aos que están adscritos para a docencia virtual síncrona. O perfil de estudantes inscritos no conxunto do mestrado é maioritariamente de Galicia e Norte de Portugal pero tamén hai alumnado de Afganistán, Brasil e Colombia, destacando a participación de profesionais da arquitectura e a enxeñaría civil e de institucións como cámaras municipais.