DUVI

Diario da Universidade de Vigo

700 estudantes latioamericanos solicitaron bolsas para cursar o posgrao

O mestrado en Enxeñaría da Edificación acada ampla demanda internacional na súa segunda edición

A Universidade de Vigo e a Fundación Serafín Ocaña presentaron este luns a segunda edición do posgra

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
Sara Alcázar DUVI 15/03/2010
A execución de proxectos de edificación e a xestión do proceso da construción son algunhas das cuestións tratadas no Mestrado en Enxeñaría da Edificación e Construcións Industriais que na súa segunda edición acadou unha importante demanda por parte de alumnado estranxeiro. Aínda que finalmente son 66 estudantes os que están a cursar o mestrado, ata 700 persoas de diferentes países de Latioamérica solicitaron as bolsas que a Fundación Carolina destina a este mestrado que foi seleccionado entre os posgraos de proxección internacional. Estas cifras, postas de manifesto nunha presentación celebrada este luns no Club Financiero Vigo e na que tomaron parte o vicerreitor de Planificación da Universidade de Vigo, José Cidrás, o director de Caixanova, José Luis Pego e o presidente da Fundación Serafín Ocaña, Serafín Ocaña, amosan o interese do alumnado americano por cursar este mestrado, que recibiu xa máis de 850 solicitudes para participar na vindeira edición.

Apoio do sector empresarial da construción e servizos

Neste encontro déronse cita os representantes da Universidade e das principais empresas do sector da construción e servizos, que xogan un papel fundamental na docencia e inserción laboral do estudantado. O labor realizado polas entidades colaboradoras ten o obxectivo de achegar aos alumnos do mestrado as técnicas, fundamentos e experiencias que na actualidade se desenvolven no sector a través de prácticas nos departamentos directamente relacionados cos obxectivos establecidos no programa formativo. Ademais, o estudantado conta tamén cun profesorado multidisciplinar encargado de impartir as materias teóricas, entre os que se atopan docentes de cinco Universidades diferentes, así como persoal docente de cátedras, escolas de negocios, administracións públicas e empresas.