DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Facultade de Dereito lanza o Máster Universitario en Información Técnica do Medicamento

Un mestrado pioneiro en Galicia formará profesionais da visita médica

O prazo de matrícula para acceder a unha das 50 prazas do posgrao é do 1 ao 15 de xullo

Etiquetas
  • Ourense
  • Institucional
Raquel Feijóo DUVI 02/07/2010

O visitador médico é unha peza clave para os laboratorios farmacéuticos. Segundo explica Alberto Vaquero, profesor da área de Economía Aplicada da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo, estes profesionais son os que acoden ás consultas médicas e aos hospitais para informar aos médicos sobre as características, resultados e vantaxes dos produtos que prescriben. Por iso e na súa opinión, “faise necesario contar cunha formación especializada neste campo para ofrecer un servizo integral aos profesionais da saúde”, declara. Para cubrir este baleiro a Facultade de Dereito vén de pór en marcha o Máster Universitario en Información Técnica do Medicamento que comezará no vindeiro curso académico 2010-2011 cunha oferta inicial de 50 prazas. O profesor Vaquero, adxunto á coordinador do mestrado, destaca que esta nova proposta formativa “pioneira en Galicia” permitirá nun ano, non só garantir a profesionalidade e a eficacia desta profesión senón tamén “a actualización dos coñecementos das persoas que traballan neste campo e a mellora dos seus métodos para conseguir unha maior eficiencia”. O prazo de matrícula é do 1 ao 15 de xullo.

Unha formación virtual

O mestrado está coordinado pola profesora da Facultade de Dereito Inés Iglesias Canle, sendo Alberto Vaquero o adxunto á coordinación así como o responsable da titorización virtual. Este último subliña destes estudos o feito de ser un título oficial recoñecido en todo o Espazo Europeo de Educación Superior, que está impartido por unha universidade pública e con prezos públicos, 1300 euros, e que ofrece ao alumnado unha formación totalmente virtual, “polo que calquera persoa interesada pode realizar a formación con independencia de onde se atope, a calquera hora e podendo compatibilizalo cun traballo”, explica Inés Iglesias.

O posgrao está orientado especialmente a aquelas persoas que teñen unha formación previa en Farmacia, Medicina, Bioloxía ou calquera outra titulación da rama das ciencias da saúde. Con todo, o profesor Vaquero matiza que no mundo da visita médica hai traballadores con titulacións de Dereito, Economía e Empresariais, “polo que o mestrado está orientado a todas aqueles licenciados e diplomados universitarios que desexen especializarse no sector”.
O Máster Universitario en Información Técnica do Medicamento é tamén unha proposta orientada ao mercado de traballo, ofrecendo unha formación na que as prácticas profesionais serán obrigatorias e onde haberá que facer un proxecto fin de máster para poder obter o título.

Un título multidisciplinar con 60 créditos ECTS

Os estudantes que decidan encamiñar a súa andaina académica e profesional cara o mundo da visita médica deberán cursar 60 créditos ECTS con materias como Medicina, Visita Médica, Farmacoloxía e Técnicas de venta, entre outras. O profesor Vaquero subliña tamén que estamos ante un título multidisciplinar impartido por docentes universitarios de diferentes áreas de coñecemento así como por profesionais do sector e médicos en exercicio.

Recentemente aprobouse na Comunidade Valenciana un decreto polo que se esixe unha formación específica para o desenvolvemento desta profesión, un dato sinalado por Alberto Vaquero para afirmar que “é de esperar que, nun espazo curto de tempo, outras comunidades sigan este exemplo”. Esta realidade abre novas portas no mundo laboral aos diplomados e titulados universitarios que decidan apostar por este sector. Nas palabras do profesor, “o título busca unha maior profesionalización do mundo da visita médica e o traballo das persoas que traballan neste campo oriéntase precisamente cara este camiño”.