DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O título esíxelle ao alumnado unha presencialidade maior no módulo práctico

O mestrado de profesorado inicia a súa andaina en Ourense con 80 matriculados

Estes estudos presentan unha carga lectiva e práctica maior que o antigo CAP

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Ourense DUVI 12/01/2010

Os 80 matriculados no mestrado de profesorado que se imparte en Ourense comezan a súa formación nas aulas das facultades de Ciencias da Educación e Historia nas áreas de Ciencias Sociais (Xeografía, Historia e Humanidades) e Ciencias Experimentais (Matemáticas, Tecnoloxía e Informática). Antonia Blanco, coordinadora do mestrado, presentou este martes o contido destes estudos ao alumnado matriculado destacando a confección do módulo práctico, “un módulo que esixe unha presencialidade maior por parte do estudantado polo que lle vai proporcionar unha maior experiencia pre-profesional”, así como a presenza de novas materias como as de investigación ou as de complementos. Nas súas palabras e en comparación co antigo CAP Antonia Blanco asegura que neste mestrado hai unha carga lectiva e práctica maior, “unha realidade que garante a dignificación destes estudos e que habilita e cualifica ao alumnado para o exercicio da profesión de profesor de ensino obrigatorio, bacharelato, formación profesional e ensino de idiomas”, declarou.

As prácticas externas e o traballo fin de mestrado, piares do módulo práctico

O mestrado para o profesorado de educación secundaria obrigatoria, bacharelato, formación profesional e ensino de idiomas é un título oficial cuxo obxectivo é que o alumnado coñeza os contidos das materias relativas á súa especialización docente, así como os procesos de ensino e aprendizaxe correspondentes. Estes estudos constan de 60 créditos ECTS repartidos en tres módulos: o módulo de formación xenérica, que abarca as materias comúns e obrigatorias para todos os estudantes e especialidades e onde se inclúen todos os aspectos psico-socio-pedagóxicos e didácticos con aplicación ao ensino secundario obrigatorio, post-obrigatorio e formación profesional; o módulo de formación específica, que engloba as materias vinculadas á especialidade e onde se inclúen todos aqueles aspectos relacionados cos currículos das etapas de secundaria e formación profesional e o módulo práctico. Neste último módulo inclúense as prácticas externas que, segundo apuntou Antonia Blanco, “comezarán sobre o 15 de marzo e terán unha duración de sete semanas” e tamén o traballo fin de mestrado, “que será titorizado por un profesor de ensino secundario e un profesor da Universidade”. A coordinadora do mestrado explicoulles aos estudantes matriculados que este ano o traballo consistirá na elaboración dun proxecto para levar ás aulas que será deseñado na súa fase teórica e que haberá que expor tamén ante un tribunal formado por un grupo de profesores. Pero ademais, e para poder superar con éxito estes estudos, o estudantado deberá facer unha proba do nivel de idioma deseñada polo Centro de Linguas da Universidade de Vigo.

Cada materia será avaliada e cualificada polo profesor que a imparta

Polo que respecta ao procedemento de avaliación dos estudos, Antonia Blanco explicou que cada materia será avaliada e cualificada polo profesor que a imparta. “No caso de realizarse probas de avaliación estas terán lugar nos meses de maio, xuño e xullo segundo o calendario académico oficial da Universidade”, declarou. A coordinadora do mestrado subliñou tamén que na cualificación do traballo fin de mestrado “terase en conta tanto a avaliación dos profesores titores como a exposición pública do mesmo”.
Antonia Blanco lembroulle tamén ao alumnado que a asistencia ás actividades presenciais é obrigatoria e informoulles de que para resolver as cuestións administrativas que se lles poidan plantexar habilitáronse tres centros coordinadores en cada un dos tres campus. No caso de Ourense ese centro é a Facultade de Ciencias da Educación. No de Vigo o centro coordinador está ubicado na facultade de Bioloxía e no de Pontevedra atópase na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte.