DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O departamento da Xunta destina 20.000 euros a estes estudos da Universidade de Vigo

O mestrado de Turismo e a Secretaría Xeral renovan a súa colaboración

A iniciativa enmárcase dentro da liña de colaboración neste eido entre o goberno galego e as tres un

Etiquetas
  • Ourense
  • Institucional
Rosa Tedín DUVI 30/04/2012
Como sector estratéxico para Galicia, o turismo é un dos eidos nos que a aposta pola formación especializada é cada vez máis puxante. Para continuar traballando nesta liña, a Secretaría Xeral para o Turismo da Xunta de Galicia vén de asinar con representantes das tres universidades galegas convenios de colaboración para contribuír ao desenvolvemento dos seus respectivos mestrados na área turística. No caso da Universidade de Vigo, o Master Universitario en Dirección e Planificación do Turismo Interior e de Saúde, que se imparte no campus de Ourense, recibe en virtude deste acordo 20.000 euros.

O acto de sinatura tivo lugar o sábado día 28 de abril na Cidade da Cultura, coa participación de Carmen Pardo, secretaria xeral para o Turismo, e dos coordinadores dos estudos especializados en materia turística das universidades de Vigo, A Coruña e Santiago de Compostela, que son, respectivamente, José Antonio Fraiz, Antón Álvarez e Concepción Varela. Segundo explicou a secretaria xeral para o Turismo, a administración turística galega apoia cada unha destas iniciativas con 20.000 euros pois conducen á formación de profesionais de alto nivel para a planificación e xestión de destinos e novos produtos turísticos, e á formación de expertos que orienten a súa profesión ou investigación nesta área.

“A formación é unha das ferramentas máis importantes de competitividade para Galicia como destino turístico”, apuntou Pardo. Con esta idea compartida, os diferentes estudos no eido turístico existentes en Galicia tratan, segundo salientaron os seus responsables, de dar resposta á demanda dos actuais titulados universitarios e ás súas expectativas de formación nun sector de actividade punteiro no desenvolvemento de Galicia, así como de presentar unha oferta versátil que se adapte ao perfil do alumno actual e futuro.

Mestrado de calidade e internacional

Segundo salientou José Antonio Fraiz, director do Máster Universitario en Dirección e Planificación do Turismo Interior e de Saúde que se imparte na Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo de Ourense, a sinatura deste convenio afianza e reforza este mestrado, un título profesionalizante que ten una duración dun curso académico e que abrangue temáticas como a xestión das organización turísticas; o deseño, comercialización e promoción de produtos; a planificación de destinos turísticos e desenvolvemento sostible; a metodoloxía de análise en turismo e aplicación das novas tecnoloxías e o turismo de interior e rural.

“Con este mestrado e co Grao en Turismo, Ourense é un referente na formación neste eido, que cada ano consolida a súa oferta e o seu prestixio”, apuntou Jose Antonio Fraiz. Como exemplo da calidade destes estudos, o docente destacou que tan só no mestrado participan 40 profesores e investigadores universitarios y profesionais do sector, contando no panel docente cun destacado grupo de profesionais procedentes de universidades europeas e americanas que reforzan o carácter internacional destes estudos.