DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Acada o primeiro posto na categoría de promoción profesional

O Mestrado en Xestión Empresarial do Deporte entra no ránking de SportBusiness dos mellores posgraos do mundo

Na clasificación xeral sitúase no número 19

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Calidade
  • Premios
  • Académica
DUVI Ourense 11/09/2020

O Mestrado en Xestión Empresarial do Deporte da Universidade de Vigo comeza o curso académico 2020/2021 celebrando a súa inclusión por primeira vez no ránking dos mellores posgraos do mundo que fai SportBusiness, entidade de referencia para a industria do deporte. Nel, os estudos que se imparten no campus de Ourense entran no top 20 dos mellor valorados do mundo e no top 10 de Europa, acadando o primeiro posto na categoría de promoción profesional.

Unha clasificación de referencia

SportBusiness, comenta Patricio Sánchez, coordinador do Mestrado en Xestión Empresarial do Deporte, é unha asociación da industria do deporte, sobre todo de profesionais, que conta con diferentes ránkings, un deles dedicado á formación de posgrao. “Que eu teña coñecemento no ámbito do deporte é o único ránking deste tipo que hai, é un ránking mundial que se pode desglosar tamén a nivel europeo”, comenta o profesor da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense. Esta clasificación, engade, “é de referencia para nós pola propia institución que o fai, por agrupar á industria do deporte e tamén pola relevancia dos mestrados que inclúe, que son os máis potentes”. Por estes motivos, engade Patricio Sánchez, entrar a formar parte desta listaxe “supón unha alegría moi grande”. A maior satisfacción de acadar este logro, subliña, “é o recoñecemento que pode supor para os nosos estudantes. Eles quedan moi satisfeitos co mestrado pero agora teñen tamén este recoñecemento externo, desde fóra tamén lle están dicindo que o esforzo que fixeron na súa formación non foi en balde, que teñen un título recoñecido”.
 
O 2020 SportBusiness Postgraduate Rankings preséntase como “o ránking máis completo e detallado” dos mellores posgraos de xestión deportiva que ten como obxectivo proporcionar a estudantes e profesionais “o sistema de clasificación máis confiable e respectado” no seu eido. Para acadalo, a entidade valora aspectos de cada mestrado como a internacionalización de alumnado e profesorado, a calidade docente ou a empregabilidade. Sobre os resultados conseguidos nas diferentes clasificacións polo título da UVigo, Patricio Sánchez subliña como o Mestrado en Xestión Empresarial do Deporte acadou o posto 19 no top 20 do mundo, liderado pola Ohio University, e o oitavo lugar no top 10 de Europa, sendo o único español tras o do Real Madrid Graduate School.

Patricio Sánchez tamén destaca do ránking de SportBusiness o feito de ter logrado “o primeiro posto en promoción profesional entre todos os mestrados do mundo en xestión deportiva”, empatados co The International Centre for Sport Studies (CIES). Por último, o profesor do campus de Ourense pon en valor o terceiro posto acadado en satisfacción do alumnado, só superados nesta categoría pola University of Massachusetts Amherst e a George Washington University.

Formación académica e práctica

Sobre as características que fan ao Mestrado en Xestión Empresarial do Deporte acadar este recoñecemento, Patricio Sánchez lembra como se trata do único programa oficial de posgrado sobre esta temática en Galicia e un dos poucos de España, “dirixido a proporcionar a formación académica e práctica necesaria para a profesionalización na xestión do deporte”. Entre os seus puntos fortes apunta como estes estudos contan cun dobre perfil de persoas matriculadas, por unha banda egresados e egresadas recentemente que continúan estudos e por outra profesionais do sector. “Esta é unha moi boa combinación que enriquece a formación de todos”, afirma o profesor. Igualmente pon o aceno no carácter internacional do mestrado, recibindo este curso por exemplo solicitudes de países como Arxentina, Uruguai e Venezuela.

Con máis solicitudes de matrícula que prazas, o título, comenta o seu responsable, comeza este curso 2020/2021 coa satisfacción de ter máis demanda que oferta, de acadar este recoñecemento de SportBusiness e co reto de cumprir a súa décima edición despois de formar a arredor de 180 persoas. “Afrontamos o curso preocupados. A nosa máxima preocupación é agora que os nosos estudantes queden de novo satisfeitos e manteñamos a nosa calidade. Ata o de agora tiñamos controlado como facelo, pero as circunstancias xa non son as mesmas pola covid-19. Como toda a comunidade universitaria estamos con preocupación pero temos que estar aí e afrontar a situación como un reto e se algo temos claro en deporte é que estamos para superar retos”, afirma por último Patricio Sánchez.