DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O campus de Ourense rendeu este mércores homenaxe a Vicente Risco

O mestre dos mestres xa ten un lugar no campus

O salón de graos do Edificio de Facultades pasa a levar o nome do galeguista ourensán

Etiquetas
  • Ourense
  • Institucional
Rosa Tedín DUVI 04/12/2013

Licenciado en Dereito e Maxisterio. Director da Escola Normal de Maxisterio de Ourense nos períodos 1934-1945 e 1952-1955. Creador do Plan Pedagóxico para a Galeguización das Escolas. Intelectual, escritor de obras como Nós, os inadaptados, Mitteleuropa e O porco de pé, dirixente do Partido Galeguista e autor da fundamental Teoría do nacionalismo galego, membro da Xeración Nós e un longo etcétera de méritos máis. Por toda esta traxectoria, o campus de Ourense rendeu este mércores unha emotiva homenaxe ao ourensán Vicente Risco cando se cumpre 50 anos do seu falecemento.

O acto comezou dando oficialmente ao salón de graos do Edificio de Facultades o nome do pensador galego, seguiu coa inauguración dunha mostra e rematou cunha conferencia. Trala descuberta da placa conmemorativa deste nomeamento, as autoridades quixeron destacar a figura e a traxectoria do homenaxeado. “Este recoñecemento quere ser o noso pequeno gran de area para visibilizar e valorizar a Vicente Risco. Ningún pobo que se considere desenvolvido pode esquecer aos que puxeron os alicerces do que hoxe é”, destacou María Lameiras, vicerreitora do campus de Ourense. “Todo o que se faga para recuperar a súa obra e para lembrar a súa figura é pouco”, engadiu Manuel Baltar, presidente da Deputación Provincial de Ourense, que fixo fincapé no compromiso da entidade que preside coa Universidade. Do mesmo xeito, Luis Martínez Risco, presidente da Fundación Vicente Risco, salientou a súa satisfacción por este acto de “xusto recoñecemento a un mestre de mestres, que deixou a avogacía para exercer de docente”, pois tal e como lembrou Mercedes Suárez, decana da Facultade de Ciencias da Educación, Vicente Risco foi director da Escola Normal de Maxisterio de Ourense.

Un home de ideas

Jesús de Juana, autor dunha publicación sobre o pensamento de Vicente Risco, foi o encargado de introducir aos asistentes na relevancia da súa figura. “Foi un dos intelectuais máis importantes que deu non só Ourense senón Galicia, polo que é unha satisfacción que o salón de graos do Edificio de Facultades, onde se celebran os nosos actos máis importantes, como son as lecturas de teses, leve o seu nome e nos poida así alumear na vida académica”, subliñou o historiador, que rematou a súa intervención facendo súas unhas palabras atribuídas ao xornalista Arturo Lezcano nas que se di que o día que Galicia volva a ter un Vicente Risco, Galicia volverá a ter ideas.

Ademais desta intervención, o profesor Xosé Fernández, que catro anos atrás defendeu a súa tese de doutoramento sobre Vicente Risco na mesma sala que agora leva o seu nome, ofreceu unha conferencia na que fixo un repaso polos espazos físicos e vitais nos que o galeguista desenvolveu a súa traxectoria e polas ideas para a transformación do ensino que defendeu ao longo da súa vida como docente. Precisamente como exemplo desta actividade de Risco como "mestre de mestres", a homenaxe celebrada este mércores incluíu a inauguración no Museo Pedagóxico da Facultade de Ciencias da Educación dunha mostra que reproduce traballos que alumnos e alumnas de Risco facían nas súas clases nos anos 30 mentres se estaban formando para ser docentes. Segundo explicou Xosé Manuel Cid, director da mostra xunto a Javier Blanco, na exposición pódese ver unha introdución á figura do homenaxeado e á Xeración Nós; a ficha que Risco lles facía seguir aos estudantes para a elaboración dos seus traballos sobre o folclore de cada zona; unha escolma deses traballos, que están depositados na Fundación Vicente Risco, e outros materiais de interese. A exposición estará durante catro meses aberta ao público e entre os primeiros que a puideron visitar este mércores estiveron fillos dalgunhas desas alumnas que logo foron durante toda a súa vida mestras, como Erundina, da que se pode ver o seu traballo sobre Parada de Labiote.