DUVI

Diario da Universidade de Vigo

“In Situ” de Jordi Juanet

Unha mestura de humor, música e malabares amenizou o xantar no campus

O concerto de Nadal pechará a programación cultural do ano

Etiquetas
  • Vigo
  • Cultura
Lucía Costas DUVI 10/12/2008

Deceas de persoas que xantaron este mércores no Centro Comercial do campus puideron disfrutar do espectáculo de rúa In Situ representado polo catalán Jordi Juanet, máis coñecido como Boni. A través da música, malabares e monociclos o cómico conseguiu a complicidade do público ao que debuxou un sorriso nas súas facianas mentres o observaban atentamente. Boni fixo unha demostración das súas habilidades coa manipulación de obxectos e artefactos con rodas. O humor e o soño de converterse algún día nunha estrela da música son os combustibles básicos desta obra chea de diversión, entretemento e acción.
In Situ é o seu primeiro espectáculo como solista, creado a partir dunha recopilación de anécdotas e experiencias acumuladas durante a súa carreira profesional. Jordi Juanet comezou a súa andaina no mundo do teatro conxuntamente con Ramón Muñoz, Caroli, formando o dúo Boni & Caroli. No ano 2000, despois de presentar os seus espectáculos en numerosos países de Europa, América, Asia e África, o grupo disolveuse para seguir a súa traxectoria por separado. Xunto con A Familia Ramírez creou o espectáculo Tres mejor que dos.

Concerto de Nadal

A programación cultural no campus, organizada pola Vicerreitoría de Extensión Cultural e Estudantes, péchase este ano co tradicional concerto de Nadal protagonizado polo grupo Milladoiro, que presentará o seu último disco A quinta das lágrimas, acompañado pola fadista Mafalda Arnauht e outros convidados sorpresa, no Centro Cultural Caixanova de Vigo o día 17 a partir das 20.30 horas.