DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O proxecto de excelencia pecha a súa primeira singradura na procura de socios internacionais

México sóbese ao barco de Campus do Mar

Emilio Fernández destaca os acordos en mobilidade de investigadores e no recoñecemento dos posgraos

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
M. Del Río DUVI 27/06/2012

O obxectivo era ambicioso, buscar socios para o Campus do Mar nalgúns dos países obxectivo como Brasil, China e México. E os resultados están á altura das expectativas con acordos asinados e outros en cernes para traballar da man con algunhas das institución internacionais máis relevantes no eido mariño.

México foi o último dos destinos e, ao longo da pasada semana, o director do Campus do Mar, Emilio Fernández, e o director da Área de Internacional, Alberto González-Garcés, visitaron cinco universidades e centros de investigación do país latinoamericano. A valoración é moi positiva, xa que o proxecto de excelencia “sentou as bases para unha colaboración intensa con todas as institucións visitadas xa que en todos os casos se acordou iniciar de forma inmediata o proceso de elaboración e posta en marcha efectiva de convenios de colaboración para proxectos de investigación conxuntos e, moi especialmente, no recoñecemento mutuo dos programas de posgrao”.

Emilio Fernández destaca a acollida “moi positiva á nosa proposta” polo seu carácter eurorrexional que une a Galicia co norte de Portugal e pola agregación de universidades e centros de investigación. Este é un dos puntos fortes detectados pola delegación viguesa, xunto co programa de doutoramento, “o que nos indica que debemos seguir reforzándoo porque está a ter moi boas críticas”.

Os cinco obxectivos mexicanos

A viaxe a México comezou na universidade máis grande de América Latina, a Autónoma de México, con máis de 300.000 estudantes e líder na I+D+i que se desputa coa de Sao Paulo o posto como primeira universidade do cono sur. Froito da xuntanza cos representantes da institución xorde un convenio de colaboración entre o Campus do Mar e a UNAM para o intercambio de estudantes de posgrao e de investigadores. Do mesmo xeito acordouse iniciar os trámites para o recoñecemento mutuo dos programas de doutoramento de ambas institucións, o que permitirá que os estudantes do programa do Campus do Mar poidan aproveitar as oportunidades de formación ofrecidas pola UNAM e viceversa. “É moi importante”, desta Fernández, “que establezamos vías de comunicación que nos permitan dar a coñecer as novas convocatorias, proxectos e iniciativas nestas institucións e viceversa” e neste sentido o idioma e a cultura xogan “ao noso favor”.

Tras esta primeira visita e aínda en Cidade de México Fernández e González-Garcés reuníronse con responsables do Instituto Politécnico Nacional e do Consejo Nacional de Ciencia y Tecnología de México (Conacyt), o organismo encargado do financiamento da I+D+i, as bolsas e os intercambios. Ao seu abeiro atópanse 28 centros de investigación de referencia, dous deles obxectivo do Campus do Mar, dende onde se amosaron moi interesados no proxecto e afirmaron a súa disposición a concretar un convenio. A través do Conacyt poderanse habilitar liñas de financiamento para a mobilidade de investigadores unha vez os centros se poñan de acordo co Campus do Mar.

A seguinte parada foi en La Paz, cidade na que acordaron coa dirección do Centro de Investigación Biológica del Noroeste, “explorar as posibilidades de coordinación dos programas de doutoramento de ambas institucións e fomentar a interacción entre investigadores, principalmente nos eidos do uso sostible de recursos mariños. Esta visita serviu tamén para coñecer un importante programa de transferencia de resultados e de fomento da cultura emprendedora, dende onde asesorará no futuro a Campus do Mar na posta en marcha dos seus programas nesta área.

Na mesma xornada o director do Campus do Mar e o responsable da Área de Internacional, visitaron o Centro Interdisciplinario de Ciencias Marinas, dependente do Instituto Politécnico e centrado na investigación pesqueira. Nesta xuntanza decidiuse iniciar “de forma inmediata” os trámites para a posta en marcha dun convenio de intercambio de estudantes de doutoramento. As últimas paradas foron no Centro de Investigación Científica y Estudios Superiores de Ensenada e na Universidad Autónoma de Baja Caifornia.

China, o principal reto

Tras as tres viaxes que levaron a Emilio Fernández e a Alberto González-Garcés nos últimos meses por Brasil, China e México, o balance e “máis ca positivo”. En todas as institucións visitadas sentáronse as bases para unha colaboración, ben inmediata, con acordos xa asinados, ben a curto prazo, tras un proceso necesario de coñecemento mutuo.

Este último caso é o de China, o maior reto da singradura internacional, xa que se partía dun descoñecemento total e mutuo. “O obxectivo agora é darnos a coñecer entre os investigadores chineses e coñecelos a eles”, explica Fernández, e un xeito de facelo será con estadías de investigadores e grupos en ambos país, invitacións a conferencias e “mecanismos que temos que desenvolver” para comezar a traballar dende a base.

O caso de Brasil e de México foi moito máis sinxelo, a cultura e o idioma axudan, existindo xa acordos e proxectos previos con algunhas das institucións. O seguinte destino será Chile, no outono. Pero o almanaque marca outra data importante, na primavera, cando se prevé que representantes das universidades e centros dos catro países obxectivos se reúnan en Vigo nunha xuntanza multilateral.