DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Xornada organizada por Feminario de Investigación co apoio da Unidade de Igualdade

Micromachismos que contribúen a perpetuar as macroviolencias estruturais do patriarcado

Expertas de diferentes universidades debateron sobre esta “disimuladas situacións de desigualdade”

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
DUVI 22/09/2017

Enténdese por “micromachismos” as manifestacións de violencia de xénero sutís, que adoitan pasar desapercibidas no día a día. Lonxe de querer identificar estas accións discriminatorias con algo mínimo ou pequeno -a pesares do prefixo– a xornada de formación en xénero Micromachismos, macroviolencias: debates abertos, que tivo lugar este venres na Facultade de Filoloxía e Tradución, propuxo una reflexión conxunta sobre o impacto que estas disimuladas situacións de desigualdade supoñen para as mulleres e identidades non heteronormativas en diferentes eidos da sociedade.

A xornada estivo organizada polo Feminario de Investigación: Feminismos e Resistencias, pertencente ao grupo Bifega, Investigación en Estudos Literarios e Culturais, Tradución e Interpretación, en colaboración coa Unidade de Igualdade e ao abeiro do proxecto Cuerpos en tránsito: la diferencia en las culturas globalizadas, financiado polo Mineco. A través oito relatorios, ao longo da mañá abordáronse, dende unha perspectiva feminista, temas como a construción do amor romántico no cinema, o tratamento das persoas homosexuais e trans na cultura popular ou o uso sexista da linguaxe e as alternativas inclusivas propostas nos medios de comunicación. “O obxectivo principal destas xornadas é fornecer ao alumnado de ferramentas que axuden a detectar o intricado sistema de opresións interrelacionadas que opera na nosa cultura e que por constituír parte fundamental da mesma, se toman como 'o normal' ou mesmo 'natural'. No contexto posfeminista actual interésanos especialmente revelar o substrato sexista en diversos ámbitos culturais que fundamenta a persistente e cotiá violencia contra as mulleres e corpos non heteronormativos”, explica Belén Martín Lucas, organizadora da xornada e experta en feminismos poscoloniais. Así, a través das ponencias e debates, a organización tratou de fomentar a participación crítica, a posta en común de ferramentas que axuden a crear unha sociedade máis equitativa e a visibilizar e eliminar “os micromachismos cotiás que contribúen a perpetuar as macroviolencias estruturais do patriarcado actual

Oito relatorios para denunciar os machismos invisibles

A primeira das conferencias, titulada Exposing intersecting forms of male oppression: macroviolence on women and animals, correu a cargo de María Sofía Pimentel Biscaia, profesora da Universidade de Aveiro. A experta propuxo un espazo de encontro dende onde vencer a opresión patriarcal que “constrúe tanto os corpos das mulleres como os dos animais, como meros obxectos de explotación e consumo ao seren reducidos comunmente a ‘peitos’ e ‘cús’, ‘xamón’ ou ‘touciño’”. A continuación, Libe García Zarranz, da Norwegian University of Science and Technology, ofreceu un relatorio titulado Sustainable Affects in Contemporary Feminist and Trans Visual Art, unha achega á arte visual de Sanjia Ivekovic a través do concepto de necropolítica feminista. A remuda tomouna Andrea Ruthven, docente da Universitat de Girona, cunha conferencia titulada Representing Trans Subjectivities in Popular Cultura, na que abordou cuestións relativas á representación das persoas trans que rompen coa normatividade na cultura popular actual.

A segunda parte da xornada foi inaugurada por Mariana Jorge Lozano e Selene Morales Pascual, ambas investigadoras da Universidade de Vigo, que presentaron sendas comunicación tituladas Patriarchy beyond Heteronormativity: Homophobia as a Form of Masculine Violence e Women Wearing Trousers: Trangression or Conformity?. As dúas expertas cuestionaron a heteronormatividade como prescriptor dunha serie de normas non escritas sobre os roles de xénero, así como o travestismo como estratexia empoderadora na narrativa xuvenil actual. Esta sesión concluíu coa charla Myhth of Romantic Love in Film, da man de Guillermo Iglesias Díaz, da Universidad Internacional de la Rioja, que abordou a representación cinematográfica, en concreto, a premisa tóxica de que “o amor pódeo todo” que nos filmes románticos “perpetúa comportamentos machistas abusivos e de submisión cada vez máis presentes nas relacións entre as parellas máis novas”.

A xornada pechouse cun segundo bloque que abriu María Platas Alonso, da Universidade de Vigo, cunha intervención sobre o uso sexista e as alternativas inclusivas na linguaxe dos medios de comunicación. A investigadora propuxo unha reflexión sobre o poder das palabras, o seu uso androcéntrico e a violencia simbólica exercida polos discursos non inclusivos en busca de alternativas que representen ás sociedades pluri-identitarias da actualidade. O peche da xornada viu da man da presentación da escritora María Reimóndez, Micro, macro e gran angular: as violencias do sistema literario heteropatriarcal galego ante o continuum lesbiano. Reimóndez analizou a invisibilidade e violencia ás que son sometidas certas obras de autoras contemporáneas galegas que se saen das expectativas heteropatriarcais.