DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A iniciativa de Juan Antonio Añel foi a única española seleccionada

Microsoft premia un proxecto sobre o cambio climático cedéndolle recursos de cálculo

O galardón permitiralle realizar un número de simulacións moi elevado

Etiquetas
  • Ourense
  • Investigación
Rosa Tedín DUVI 04/06/2014

A empresa Microsoft realiza periodicamente unha convocatoria chamada Microsoft Azure for Research Award destinada a apoiar proxectos de investigación cedéndolles de xeito gratuíto recursos de cálculo nos seus Data Centers. Na súa última edición, un traballo de Juan Antonio Añel, investigador do Grupo EPhysLab da Universidade de Vigo e da University of Oxford, vén de ser seleccionado como unha das propostas gañadoras. O galardón permitiralle a Añel realizar durante un ano un número de simulacións moi elevado e dar así un salto significativo no estudo dos fenómenos climáticos adversos en relación co cambio climático.

Cálculo na nube en vez de supercomputadores

Segundo explica o investigador, no proxecto no que traballa en Oxford, ClimatePrediction.net, o maior experimento de modelación climática mundial, habitualmente realizan as súas investigacións empregando os ordenadores persoais de cidadáns. As persoas que o desexan instalan un software que poden descargar na web da iniciativa e realizan simulacións climáticas para o proxecto nos seus computadores. “Isto permítenos facer, a un custo reducido, un número de simulacións moito maior do que se soe facer normalmente con supercomputadores. Porén, hai casos nos que queremos facer moitísimas simulacións e tan custosas que nin os ordenadores persoais nin os supercomputadores son dabondo. Son estes casos os que imos tentar abordar cos recursos de computación na nube que nos cederá Microsoft”, comenta Juan Antonio Añel.

No proxecto gañador da convocatoria, titulado Climate Prediction Azure Cloud, o obxectivo é, tal e como indica o investigador ourensán, “realizar un número de simulacións climáticas enorme, máis aló do común ata o de agora en estudos de sensibilidade do clima, e aumentar a precisión coa que viñamos traballando normalmente nos nosos estudos de impacto do cambio climático”. Os recursos que empregarán para acadalo serán de cálculo na nube. “É dicir, en lugar de usar un supercomputador o que faremos será replicar miles de computadores persoais que farán simulacións cuns requisitos que superarían as posibilidades da maioría dos ordenadores que se venden para uso doméstico hoxe en día”, salienta.

Afectou o cambio climático á probabilidade de fenómenos extremos?

As cuestións científicas que tentarán abordar con este proxecto son cuestións fundamentais de física atmosférica e relacionadas cos cambios na probabilidade de ocorrencia de meteoroloxía extrema debido ao cambio climático (inundacións, secas e vagas de calor). “O que queremos ver é se co cambio climático cambiou e vai cambiar a posibilidade de que ocorran fenómenos meteorolóxicos perigosos. Tentaremos medir en certa forma ese perigo”, subliña Añel Cabanelas. A investigación será feita con software libre, xa que realizarán as simulacións usando o sistema GNU/Linux.

Dando xa os primeiros pasos do proxecto, o investigador salienta que o mérito de conseguir este premio é que Microsoft Research considera propostas de todas as disciplinas do saber e de todo o mundo e que actualmente só financia 180 iniciativas, sendo a súa a única española financiada na última convocatoria. Ademais, comenta sobre o valor deste traballo, parte da compoñente técnica da proposta presentada a Microsoft Research está baseada na experiencia obtida cos traballos fin de mestrado de dous estudantes, Diego Pérez e Pablo Vázquez, que dirixiu o propio Añel en colaboración con docente Tomás Pena.