DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Miguel Diéguez, nomeado novo vicexerente do campus de Ourense

Traballará na liña da súa antecesora seguindo o camiño da descentralización

Etiquetas
  • Ourense
  • Institucional
Noelia V. Vilanova DUVI 29/04/2009

Miguel Diéguez é, dende esta semana, o novo vicexerente do campus de Ourense, substituíndo no cargo á anterior responsable, Beatriz Cuíña. Licenciado en Dereito, este lugués de 37 anos asume o posto de xestor como “un reto” na súa carreira profesional “con moita ilusión e moi agradecido ao vicerreitor por confiar en min para desempeñar este cargo”. O novo vicexerente conta cunha ampla experiencia en postos de xestión, polo que o traballo non é descoñecido para el. De momento, Diéguez está a poñerse ao día con todos os plans e proxectos do campus, “aínda estou aterrando e estudando todo o que deixou feito a miña antecesora”.
No desenvolvemento do seu labor, o vicexerente manterá unha liña de continuidade co traballo de Cuíña, tentando conseguir para o campus todas as melloras posibles; ademais seguirá traballando no camiño da descentralización “co obxectivo de racionalizar o funcionamento, sempre en coordinación coa xerencia de Vigo”.

Unido a Ourense

A pesar das súas raíces, Diéguez leva Ourense no seu sangue, cidade á que chegou hai xa dez anos. Dende 2002 e ata 2007 exerceu como profesor asociado no Departamento de Dereito Público Especial no campus ourensán, impartindo a materia de Dereito Financeiro e Tributario. Anteriormente tivo o seu propio despacho xurídico e foi asesor contratado do Concello de Viana do Bolo. No 2005 entrou como asesor técnico da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, cargou que deixou no 2007 cando foi nomeado director xeral de Recursos Humanos do Concello de Ourense. Ata o momento de asinar o seu novo posto como vicexerente, Diéguez estivo no Gabinete do Conselleiro de Medio Ambiente.