DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O cinco veces gañador do Tour foi recibido na Casa das Campás polo vicerreitor, Jorge Soto

Miguel Indurain coñece as potencialidades do campus pontevedrés

O encontro serviu para abrir a porta a futuras colaboracións

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Pontevedra
  • Institucional
DUVI Pontevedra 18/06/2018

O cinco veces campión do Tour de Francia Miguel Indurain visitou esta fin de semana Pontevedra co gallo da celebración da 4 Picos Road Clásica, e entre os actos nos que participou na cidade figurou unha recepción na Casa das Campás ao ciclista navarro por parte do vicerreitor do campus, Jorge Soto. Acompañado polo director da Área de Infraestruturas do campus, José María Cancela, así como polo director do equipo ciclista Froiz, Evaristo Portela, e por profesionais do ámbito do ciclismo, Indurain puido coñecer as potencialidades e a oferta formativa do campus pontevedrés, entre a que se atopa o grao en Ciencias da Actividade Física e do Deporte, nunha xuntanza na que, como relata Soto, “interesouse pola formación que se leva a cabo no campus e por como enfocabamos as cuestións relacionadas co mundo do deporte”. 

A recepción serviu tamén para establecer un primeiro contacto de “cara a futuras colaboracións, xa que gustaríanos contar con el para algunhas cuestións de ámbito formativo ou na difusión de valores que son importantes para o noso alumnado”, explica o vicerreitor, quen nese senso pon o acento en que Indurain máis alá de ser “unha personalidade no ámbito do deporte”, é tamén unha persoa que destaca por “valores como o esforzo, a humildade ou a solidariedade, valores que comparte coa Universidade de Vigo”.