DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Das 933 candidaturas presentadas só 83 gañaron o Premio Estudantes Emprendedores

Miguel López: "A comerciabilidade do meu proxecto dependerá do éxito do XaTcobeo"

O estudante de Enxeñería Industrial expuxo ante 300 persoas a súa idea de venda de tecnoloxía para p

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
Noemí Rey DUVI 26/10/2011
Animar o espírito emprendedor e a empregabilidade entre o alumnado. Ese é o obxectivo dos Premios Espírito Emprendedor postos en marcha nas universidades españolas en colaboración co Ministerio de Educación, que culminaron onte en Madrid cunha xornada de recoñecemento aos ‘pais’ das ideas máis innovadoras e con maior visibilidade, potencial internacional e sostibilidade. Na gala, unha alta presenza viguesa: Miguel López, estudante de Enxeñería Industrial da Universidade de Vigo, foi o único seleccionado “por orixinalidade” no ámbito das tecnoloxías para presentar o seu proxecto ante as máis de 300 persoas que ateigaron a aula magna da Universidade Carlos III de Madrid. Apenas un cuarto de hora no que expuxo a súa idea para a creación dunha empresa que comercialice a tecnoloxía para picosatélites Cubesat “do xeito máis claro posible e tentando facer ameno algo moi técnico”, facendo un percorrido polo proxecto, dende a súa orixe ata as posibilidades de futuro.

Unha empresa tecnicamente viable pero que ten a López cos dedos cruzados á espera do que pase co lanzamento do XaTcobeo o vindeiro mes de xaneiro, xa que “a comerciabilidade do produto dependerá de ver como funciona nun satélite de verdade”. Sen embargo, as primeiras impresións foron moi boas tras todas as felicitacións que recibiu ao rematar o acto. “Estar aquí axuda a difundir a idea e ponte en contacto co sector empresarial, con aqueles que invisten en proxectos arriscados”, subliña o estudante. Xunto á idea de López, outro proxecto de catro estudantes da Universidade de Lleida sobre axencias de viaxe para discapacitados foi elixido para ser exposto no acto.

Candidaturas de 44 universidades

Ao Premio Estudantes Emprendedores concorreron 933 proxectos de estudantes de 44 universidades públicas, dos que só 83 foron galardoados. Xunto á idea de Miguel López, o Ministerio de Educación salientou a valía doutro proxecto da Universidade de Vigo sobre o aproveitamento de efluentes de CO2 na industria vitivinícola, de Carlos Merino e Jorge Fírvida, estudantes de Enxeñería Industrial. No seu nome recolleu o diploma de recoñecemento José Antonio Vilán, vicerreitor de Transferencia do Coñecemento.

A terceira misión da universidade

Coa Xornada de recoñecemento a premios emprendedores universitarios, o Ministerio de Educación pretende fomentar “a terceira misión da universidade, apoiando ao alumnado en vías alternativas ao contrato laboral por parte dunha empresa”, como salientou José Ignacio Armesto, director da área de Emprego da Universidade de Vigo. No acto participaron Màrius Rubiralta, secretario xeral de Universidades; Mercedes Chacón, directora xeral de Atención, Participación e Empregabilidade de Estudantes Universitarios; Daniel Peña, reitor da Universidade Carlos III de Madrid; e Eduardo Cermeño, director xeral da empresa Vaelsys, que pronunciou a conferencia previa á entrega de diplomas.