DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Miguel Romero aspira a participar nos Xogos Olímpicos

O Universidade de Vigo de Rugby volta de Euskadi cunha nova derrota

Etiquetas
  • Vigo
  • Deportes
Romina Vázquez DUVI 14/01/2008

O primeiro posto logrado na fase do sector oeste, supón para Miguel Romero, estudante de Ciencias da Educación e do Deporte, o pasaporte directo ao Campionato de España absoluto de judo. O deportista pontevedrés logrou a medalla de ouro esta fin de semana nun enfrontamento que reuniu a 120 judokas galegos, asturianos, cántabros e leoneses no pavillón municipal Infanta Elena de Lugo.
Esta vitoria supón para Miguel Romero, tal como el mesmo comenta, “a posibilidade de que se abran as {mosimage}portas do judo a nivel internacional, posto que de quedar primeiro no campionato de España está asegurada a participación nos Xogos Olímpicos. Estou nun momento decisivo, o ano da criba”
A esperada cita, que contará cunha destacada presenza galega, terá lugar o 26 e 27 de xaneiro en Madrid, un lugar que o judoka considera de especial importancia, posto que, segundo afirma “trátase dunha comunidade onde hai moito interese por este deporte, o pavillón énchese de seareiros e hai moi bo ambiente”
Miguel Romero conta no seu haber con 6 medallas de ouro obtidas en distintas edicións dos Campionatos de España Universitarios, representou á institución na Universiada de Bangkok 2007 e recibiu a insignia de ouro da Universidade en recoñecemento á súa traxectoria deportiva.

O Universidade de Vigo de Rugby volta de Euskadi cunha nova derrota

Co resultado de 21 – 0, o Universidade de Vigo de Rugby volta para a casa cunha nova derrota trala viaxe que esta fin de semana os levou a Euskadi para enfrontarse ao Hernani na novena xornada da liga. Evitar a derrota non foi posible pese á volta á competición de varios xogadores lesionados que, tal como afirma o adestrador Aníbal Babini, axudaban á formación.
Xa na primeira volta os galegos perderan ante o equipo vasco, pero daquela o xogo estivera moi igualado, non como nesta ocasión, na que a superioridade do Hernani queda patente co resultado do marcador, que leva aos vigueses á sexta praza da clasificación da División de Honra B.
Por outra banda, o equipo está centrado estes días no programa “Rugby no teu barrio”, que trata de achegarse aos máis novos para que relacionen a práctica do deporte coa diversión. Trala primeira sesión, celebrada o sábado no pavillón do Berbés, esta iniciativa continuará en Bembrive e no no polideportivo das Travesas os días 20 e 27 de xaneiro respectivamente. Durante o mes de febreiro realizaranse tres sesións máis, aínda que están por confirmar as datas e lugares.