DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No relatorio ofrecido no campus para pechar o curso "Deporte, empresa e sociedade"

Mikel Urdangarín defende a importancia de que os eventos deportivos deixen un legado positivo e sustentable

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Romina Vázquez DUVI 29/10/2010

O legado e a sustentabilidade dos eventos deportivos é o título do relatorio co que Mikel Urdangarín, presidente da European Association for Sport Management, puxo punto final ao curso Deporte, empresa e sociedade: impacto económico-turístico dos eventos deportivos que dende o pasado mércores se ven celebrando na Facultade de Ciencias Empresarias e Turismo.

Este profesor da Universidade do País Vasco considera que a día de hoxe é de capital importancia que os eventos deportivos deixen un legado que sexa non só sostible, senón tamén positivo, algo que “desgraciadamente non sempre ocorre”, dixo. O que si queda patente é que para o goberno de calquera país, cidade ou localidade este tipo de actos comezan a ser unha prioridade, pois actúan como catalizadores de cambios, impulsores do desenvolvemento político e social e en moitos casos logran elevar a posición pública global do lugar onde se celebran. Ademais, os eventos deportivos, calquera que sexa o seu nivel, “ofrecen a gobernos e dirixentes un incentivo para facer as cousas ben, posto que hai moitos ollos pendentes deles”, segundo palabras de Urdangarín.

Beneficios dende tódolos puntos de vista

As desputas entre países de tódolos continentes por organizar cada catro anos os Xogos Olímpicos poñen de manifesto o interese existente en contar nos seus respectivos territorios con eventos deportivos de tal magnitude. “Isto non é casual, xa que se sabe que os beneficios marxinais que se van producir non son nada desprezables”, explica o profesor. Como regra xeral, “deixan melloras a nivel ambiental, nos índices de participación cidadá e, por suposto, no eido urbanístico, pois constrúense infraestruturas que en circunstancias normais precisarían anos”, engade.

Dende o punto de vista social, estas actividades traen consigo a aparición de novas ideas e comportamentos entre os cidadáns. A modo de exemplo, Urdangarín referiuse ao caso de Barcelona 92, que deixou como legado un importante incremento da participación deportiva entre a cidadanía.