DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Dentro do Programa de Formación Permanente do Profesorado

Mikko Ojala, profesor da Universidade de Helsinki, achegou aos docentes o sistema educativo finés

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Noelia V. Vilanova DUVI 17/06/2009

Mikko Ojala, profesor da Facultade de Ciencias do Comportamento da Universidade de Helsinki, compartiu este mércores as suas experiencias docentes no Seminario de experiencias docentes noutras universidades que tivo lugar no Edificio de Ferro. Esta actividade, organizada pola Facultade de Ciencias da Educación, insírese dentro do Programa de Formación Permanente do Profesorado da Vicerreitoría de Formación e Innovación Educativa. “O que pretendemos é aproveitar os coñecementos de docentes doutras universidades que veñen aquí vía Erasmus, realizando un seminario onde conten a súa experiencia como profesores”, explicou o vicerreitor Pedro Membiela. “Este é un xeito de coñecer o que se está a facer noutros estados e en distintos sistemas educativos”, engadiu.
Segundo o informe PISA, Programa Internacional para a Avaliación de Estudantes, “os resultados dos alumnos fineses son excelentes e a formación do profesorado contribúe a ese éxito”, dixo María Lameiras, vicedecana de Psicopedagoxía. Polo tanto, que mellor exemplo para contribuír ao avance do noso sistema educativo que coñecer en primeira persoa algúns dos temas que inciden nesa formación e das características dos programas de formación do profesorado na Universidade de Helsinki.
Ao longo da xornada, Ojala ofreceu tres sesións nas que tratou o tema do xénero no proceso de ensino/aprendizaxe; a inclusión na educación e as estratexias para a realización de actividades escolares, onde se referiu ao proxecto INCLUD-ED da Unión Europea no que participou a Universidade de Helsinki; e por último, deu a coñecer as características dos programas de formación de mestres de primaria do seu centro.

As notas non son o importante

Ojala, que xa estivera de intercambio Erasmus o ano pasado, retornou de novo ao campus de Ourense para entrar desta vez a falar de temas máis concretos do sistema educativo do seu país. A clave do éxito nos estudos dos fineses depende, en boa medida, do labor do propio profesorado, “por iso a formación dos mestres do pre-colexio, xardíns de infancia e de primaria debe contar con programas curriculares totalmente distintos”, explicou Ojala. Así mesmo, na educación infantil e primaria, existen áreas de coñecemento diferentes en ambos casos, aínda que os mestres ademais de impartir esas materias deben de ser quen de integrar nas clases “outros conceptos que axuden ao proceso de socialización”. Estamos a falar neste caso das chamadas materias curriculares como poden ser educación viaria, sexualidade ou cidadanía.
Quizais unha das diferenzas máis importantes entre o noso sistema educativo e o finés sexa a importancia que uns e outros lles outorgamos aos resultados. En Finlandia, “o énfase é pedagóxico, non de avaliación”, dixo Ojala. Por exemplo, nun exame de matemáticas o importante non é o resultado dunha multiplicación, senón comprobar que o alumno adquiriu efectivamente ese coñecemento, aínda que ás veces non atine co resultado. Outra diferenza importante con respecto aos criterios de avaliación é “o seguimento individualizado, cada estudante posúe unha nota en función do seu traballo, non en comparación co resto dos alumnos”.