DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O congreso celebrarase durante catro días en Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo

'Mil e un Cunqueiros' culmina as celebracións do centenario do autor

Manuel Forcadela salienta que “este encontro permitirá a renovación e apertura de novas vías de inv

Etiquetas
  • Vigo
  • Cultura
D. Besadío DUVI 21/09/2011
As diferentes conmemoracións que ao longo deste ano tiveron lugar por toda a xeografía galega (exposicións, faladoiros, concertos...) con motivo do centenario do nacemento Álvaro Cunqueiro culminarán a vindeira semana coa celebración do congreso Mil e un Cunqueiros unha actividade organizada polo Consello da Cultura Galega en colaboración coas tres universidades galegas. Serán catro días para o debate académico e o intercambio científico, con especial atención á presentación de resultados das investigacións en curso sobre Álvaro Cunqueiro. Será “un encontro para lanzar Cunqueiro ao futuro” tal e como subliñou Ramón Villares, presidente do Consello da Cultura Galega, na presentación do encontro, á que tamén asistiron, Dolores Vilavedra e Teresa López, da comisión organizadora, e Henrique Monteagudo, coordinador do programa Ano Cunqueiro.

O programa, composto por nove conferencias maxistrais, cinco mesas redondas e máis de trinta comunicacións, botará a andar o vindeiro 28 de setembro no salón de actos do CCG, para trasladarse ao día seguinte ao paraninfo da Universidade da Coruña, regresar ao CCG o día 30, e rematar no Auditoria Municipal de Vigo o sábado día 1.

"Cunqueiro é hoxe tan clásico como Rosalía ou Castelao”

Dolores Vilavedra da Universidade de Santiago de Compostela, integrante da comisión organizadora xunto con Teresa López, da Coruña, e Manuel Forcadela, de Vigo, agarda que o congreso sirva para “entender mellor o papel de Cunqueiro como intelectual do seu tempo e para coñecer as lecturas da súa obra desde fóra e desde novos paradigmas teóricos”. Ao que, dende Vigo, o profesor Manuel Forcadela engadiu que “este encontro permitirá a renovación e apertura de novas vías de investigación. Temos que saír de aquí sabendo o que ignoramos e cales son aqueles aspectos sobre o que debemos centrarnos nos vindeiros anos”.

Para o profesor vigués, docente na Facultade de Filoloxía e Tradución, todas as celebracións que se están a producir con motivo dos cen anos do mestre mindoniense están a lograr unha renovación na recepción da figura e da obra de Álvaro Cunqueiro e esta renovación “que é tamén actualización, era moi necesaria. Cada época debe levar a cabo un diálogo cos seus clásicos. Álvaro Cunqueiro é hoxe tan clásico como Rosalía ou Castelao”.

Con arredor de 70 inscritos, o congreso é tamén un bo exemplo, tal e como subliñou a profesora coruñesa Teresa López, “da importante e exemplar cooperación entre o CCG e as tres universidades galegas”.

Clausura en Vigo

O programa do sábado día 1, que se celebrará integramente en Vigo, está centrado en dúas conferencias: unha de Alberto Moreiras, “un importante teórico, vigués de nacemento, que vive nos EEUU desde hai moitos anos”, explica Manuel Forcadela, e ten impartido docencia nas máis prestixiosas universidades “e colaborado con pensadores como Friedrich Jameson, un dos máis importantes do panorama internacional nestes momentos no ámbito das humanidades...”. A outra conferencia é de John Rutherford, profesor da Universidade de Oxford e tradutor de literatura galega ao inglés, con traducións do propio Cunqueiro. Ademais, celebrarase tamén a mesa redonda Os outros mundos de Cunqueiro, con intervencións do escritor César C. Morán Fraga, do profesor da Universidade da Coruña, Carlos P. Martínez Pereiro, e María Xesús Lama, da Universitat de Barcelona.

Ademais de Forcadela, como coordinador, o programa do congreso incluirá a participación de varios profesores da Universidade de Vigo. Rexina Vega, participará na mesa redonda Achegas á biografía cunqueiriana; Iago Castro, achegará a súa visión sobre Cunqueiro e os medios de comunicación; Camiño Noia, que se achegará no mundo máis popular deste autor e, Xosé Manuel Dasilva que falará sobre os efectos da censura en Cunqueiro.