DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Mil grúas e grous por Xapón

A comunidade universitaria solidarízase co pobo nipón e envíalle unha mensaxe de amizade

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
D. Besadío DUVI 06/04/2011
A cultura xaponesa relaciona a imaxe dos grous e das grúas cun símbolo de boa sorte e de lonxevidade. Ao abeiro desta antiga lenda nipona a comunidade universitaria ten esta semana a oportunidade de solidarizarse co pobo xaponés facendo entre todas e todos mil grúas e grous de papel, un símbolo que, seguindo a súa tradición, suporía a concesión dun desexo como pode ser unha longa vida ou a curación dunha enfermidade.

A campaña, organizada pola Oficina de Voluntariado da Universidade de Vigo, xurde a raíz dos terribles sucesos acontecidos en Xapón recentemente. “A idea é enviarlle unha mensaxe de amizade e azos”, explicou o vicerreitor de Extensión Universitaria, Xosé Henrique Costas. Para conseguilo, ao longo desta semana e da seguinte o centro comercial da Cidade Universitaria acolle unha serie de obradoiros nos que o presidente da asociación de alumnos do Programa de Maiores, Antonio Vidal, afeccionado dende fai anos á papiroflexia, ensinará a todos aqueles que queiran aprender os segredos de facer grúas e grous de papel. “Non é nada complicado, é unha cuestión de paciencia e de ser organizados”, explicaba ao inicio do obradoiro Vidal, “trátase de facelo de vagar e tentando que cada paso, cada pregue saia ben, porque se ao principio facemos algo mal o resultado final tampouco será bo”, continuou.

Froita para festexar o Día Mundial da Saúde

En colaboración co Servizo de Deportes, a Oficina de Voluntariado uniuse tamén á celebración do Día Mundial da Actividade Física, hoxe mércores, e da saúde, mañá xoves, co reparto de froita a comunidade universitaria. “É un pequeno xesto para concienciar a alumnado, persoal de administración e servizos e docentes da importancia de facer unha alimentación rica en froitas, legumes e vexetais”, subliñou Carmen Álvarez, técnica de Voluntariado, que explicou que para esta actividade se contou coa colaboración de Fruitas Vilar.

Ademais, de forma paralela ao reparto de froitas, o Servizo de Deportes e os Centros Deportivos Universitarios de Vigo e Ourense están a desenvolver unhas xornadas de portas abertas para que todos os membros da comunidade universitaria se acheguen á práctica da actividade física.