DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Sinatura dun convenio de colaboración coa Universidad de la República de Uruguai

Miles de vídeos 'a un click' para milleiros de universitarios uruguaios

A finalidade é crear un repositorio audiovisual para a docencia a través da plataforma PuMuKIT

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
M. Del Río DUVI 19/05/2011
No constante proceso de avance no uso das TIC para a o docencia e innovación educativa, a Universidade de Vigo implicouse dun xeito tan decidido que goza xa dunha posición de vangarda. A súa entrada en iTunesU como pioneira entre as universidades hispanas, o desenvolvemento de da plataforma PuMuKIT e o seu uso como exemplo para outros países, confirman á institución e a UVigo-Tv como un referente internacional. Agora é o momento de comezar a compartir e exportar estes coñecementos, de cooperar con outras universidades na aposta polos contidos audiovisuais na docencia. Para iso este xoves, o reitor, Salustiano Mato, asinou a través de videoconferencia un convenio marco coa Universidade de la República, de Montevideo, coa finalidade de crear un repositorio universitario uruguaio de vídeos a través da plataforma PuMuKIT, desenvolta por UVigo-Tv.

“Este é un xeito máis de internacionalizarnos, de poñer os nosos coñecementos a disposición de comunidades universitaria de todo o mundo”, explica Salustiano Mato, que coincide co reitor da que é a universidade máis importante de Uruguai, na vocación de facer máis públicas as universidades públicas. Rodrigo Arocena apostou por un progreso que “poña freo ás desigualdades, por sumar esforzos entre universidades para que todo o mundo poida acceder á educación superior” e para iso, tanto as experiencias como as técnicas son importantes. Neste caso son os avances técnicos os que van favorecer unha docencia semipresencial, “un acceso autónomo ao coñecemento, cada un ao ritmo que precise”, apuntaba Arocena.

En compañía do catedrático vigués Domingo Docampo e da directora do Departamento de Apoyo Técnico Académico da Universidad de la República, en Uruguai e do vicerreitor de Relacións Internacionais, Manuel Fernández Iglesias, en Vigo, ambos reitores rubricaron a súa aposta por “ampliar as formas e modos de dar acceso á docencia, ao coñecemento e á divulgación científica”.

Unha plataforma que dea servizo á comunidade universitaria uruguaia

O obxectivo deste acordo é colaborar no desenvolvemento de proxectos de investigación, o intercambio de materiais académicos e o fortalecementos das relación entre ambas institucións para potenciar a xeración e uso dos contidos audiovisuais online como recursos para a docencia.

Trátase así de achegar os recursos cos que conta Vigo para crear unha plataforma tecnolóxica para a xestión de contidos multimedia a través da plataforma PuMuKIT, ferramenta desenvolta pola Universidade en código aberto que permite publicar contidos a través de diversas canles como unha web ou mesmo iTunesU, o repositorio de contidos de divulgación científicos e docentes máis importante do mundo, e no que a Universidade de Vigo foi a primeira institución hispana en ser aceptada.

Un paso pais á vangarda

Este acordo vai na mesma liña que asinado o pasado mes de febreiro co Consorcio Ecuatoriano para o Desenvolvemento de Internet Avanzado, CEDIA, de Ecuador para exportar a tecnoloxía desenvolta por UVigo-Tv para dar soporte audiovisual a 26 universidades deste país latinoamericano. O obxectivo é promover o uso de vídeo online para a docencia no Uruguay, en concreto na Universidad de la República, que ten arredor do 90% do alumnado do país, polo que o alcance desta colaboración é case a nivel nacional.

Vigo forma parte ademais dun consorcio internacional, OPENCAST-Matterhorn (OC-MH), que busca desenvolver un sistema para a gravación automatizada e distribución vía Internet de conferencias e clases. Grazas a todas estas experiencias dende 2004 esta tecnoloxía está dispoñible para institucións universitarias que queiran integrala nos seus procesos educativos.