DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nun relatorio organizado polos Comités

A militante feminista Ximena González repasa no campus as claves do movemento

Destacou a importancia do traballo das mulleres para a construción de Galicia

Etiquetas
  • Vigo
  • Estudantes
Sara Alcázar DUVI 03/03/2010

O feminismo é un movemento clave e de grande relevancia para reflexionar sobre as mulleres e sobre o tipo de sociedade que queren, máis xusta e igualitaria. Así o expresou a militante feminista Ximena González no relatorio Romper co patriarcado, facer nación. Feminismo dende a base, organizado este mércores polos Comités con motivo do Día Internacional da Muller. Durante a súa intervención, Ximena González, que foi a única poñente debido á ausencia de Nuria Painho, afondou na situación das mulleres dende distintos puntos de vista, sinalando ao feminismo como movemento plural para a defensa dos dereitos das mulleres “dende a base e tamén dun xeito antisistema, anticolonial e de loita patriarcal”, apuntou González.
Así mesmo, a feminista fixo referencia ás orixes deste movemento, que se remonta ao ano 1910, cando Clara Zetkin conseguiu que se aprobase a celebración do Día Internacional da Muller e que se fixo oficial en 1977 no seo da ONU, escollendo como data o 8 de marzo. Este feito supuxo un grande avance para o movemento feminista, centrado na reivindicación en materia laboral, social e familiar da muller traballadora, tanto na casa como fóra dela, posto que “todo o traballo, asalariado ou non, xera riqueza para o Estado e para a sociedade que a produce” argumentou Ximena González.
Ademais, González puxo de manifesto a importancia das relacións humanas, afectivas e familiares para o movemento feminista, nas que tamén están implicados os homes. Por este motivo, tal e como expresou, “é imprescindible traballar conxuntamente, posto que o feminismo é un tema que tamén lle afecta ao eido masculino no referente á liberdade para escoller os nosos roles”.

Feminismo como movemento local e global

Durante a súa intervención, González amosou o movemento feminista tamén desde o punto de vista máis galego e local, resaltando a importancia que tivo o traballo das mulleres para a construción de Galicia, cunha gran presenza nos sectores de produción primarios.
Por outra banda, a militante feminista abordou o aspecto máis internacional do feminismo a través da Marcha Mundial das Mulleres (MMM), organización na que están representados máis de 70 países dos cinco continentes e na que participan mulleres de todo o mundo. Neste ámbito, González fixo referencia ao movemento feminista como resistencia anticolonial, especialmente en zonas subdesenvolvidas de África ou América Latina, “nas que as mulleres se organizan para a defensa da súa terra, a súa cultura, as súas orixes e a súa comunidade. Nestes lugares, as mulleres e o feminismo son unha ferramenta importantísima para acadar resultados”. Ademais, González salientou o papel xogado polas mulleres na construción das súas nacións, concretamente, no caso das palestinas “que realizan un inxente traballo na loita pola defensa do seu pobo e a súa xente e son as que manteñen a unidade familiar nos momentos máis tráxicos”.

Ampla representación galega na MMM

Para rematar o relatorio, a militante feminista falou do VII Encontro Internacional da Marcha Mundial das Mulleres, celebrado en Vigo no ano 2008, no que tivo lugar a elección dunha galega como representante europea do Secretariado Internacional. Ademais, a comunidade galega reafirma a súa presenza na organización grazas ao traballo de Nuria Painho, coordinadora nacional de Galicia. Segundo comentou Ximena González, “esta ampla representación na MMM outorga unha dimensión internacional do feminismo en Galicia que resulta realmente enriquecedora para as mulleres e a sociedade”.