DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Acompañados pola fadista Mafalda Arnauth

Milladoiro achega Galicia e Portugal no Concerto de Nadal

A comunidade universitaria completou as 1.000 butacas do Centro Cultural Caixanova

Etiquetas
  • Vigo
  • Cultura
D. Besadío DUVI 18/12/2008
Milladoiro, o grupo máis representativo e admirado da música folk galega, converteu este ano o concerto de Nadal da Universidade nunha particular viaxe musical polas terras, os montes, os ríos, a fala, a tradición, a historia...que forman o imaxinario común ou o que eles denominan “a banda sonora de Galicia e Portugal”. Acompañados no escenario por unha das máis sólidas promesas do novo fado portugués, Mafalda Arnauth, o público puido gozar da unión de dúas terras “que partiron dun tronco común pero que a historia as levou por camiños moi diferentes”, como eles mesmos explicaron ao principio do concerto.
Cos amores de D. Pedro de Portugal e Dona Inés de Castro como punto de partida, o grupo presentou en Vigo o seu último traballo A Quinta das Lágrimas, oito temas cos que a comunidade universitaria tivo a oportunidade de facer unha longa viaxe dende o medievo, a través das cantigas de Afonso X, ata lugares máis próximos no tempo cos poemas de Manuel Antonio, Cunqueiro ou Pessoa pasando polo folclore popular das dúas beiras do Miño.
Mesturados con temas tradicionais e míticos do grupo e con algún que outro aceno á cultura celta e a música irlandesa, Milladoiro quixo recordar que o ano que agora está a piques de comezar marcará o seu trinta aniversario no mundo da música.
Entre as pezas que máis espertaron a complicidade do público a versión do Venham mais cinco de Jose Afonso e, desta beira do río, o “quen puidera namorala”, o poema de Álvaro Cunqueiro ao que Luis Emilio Batallán puxo unha fermosa música e converteu nunha das pezas máis musitadas e admiradas do país.

Mil invitacións que souberon a pouco

O Centro Cultural Caixanova quedou escaso para acoller os membros da comunidade universitaria que non quixeron perder a oportunidade de descubrir o último traballo de Milladoiro. Repartíronse mil invitacións, a maior parte solicitadas con bastante antelación, “porque se te arriscas a esperar é bastante probable que quedes sen ela”, comentaba un dos asistentes á vez que procuraba un oco baleiro para acomodarse.
Esta mesma semana a oficina de Extensión Universitaria repartiu as últimas entradas, e “hoxe a Universidade recibe no seu Concerto de Nadal a toda a comunidade universitaria e aos seus achegados”, salientaba a vicerreitora de Extensión Cultural e Estudantes, Mª del Carmen Cabeza, minutos antes de comezar o evento. “É unha especie de regalo de fin de ano, unha boa oportunidade para xuntarnos todos e gozar da mellor música galega”, recalcaba a vicerreitora.

Un peche con sorpresa

A agardada e xa tradicional sorpresa do final do concerto puxo un broche distinto a unha noite de música e emoción. As expectativas eran amplas pero nin os máis esixentes as viron defraudadas cando subiu ao escenario Iván Area, vicerreitor de Relacións Institucionais.
Compartindo escenario con Milladoiro, Iván Area amosou aos asistentes unha faceta que non por coñecida deixa de sorprender: máis alá do matemático e docente, do vicerreitor e xestor, o público contemplou un gaiteiro “dos de sempre” co que o auditorio non escatimou aplausos ata ben finalizado o acto.