DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Segundo a tese de doutoramento de Jaime Barros, presentada na Escola de Enxeñaría Forestal

O millo contén compoñentes naturais propios para combater pragas de insecto trade

A través dun programa de mellora xenética que fortifica a súa parede celular

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Investigación
DUVI 28/02/2012

Trátase dun compoñente fundamental na dieta humana e emprégase como materia prima en diversos procesos industriais. O millo é un dos principais cultivos agrícolas do mundo cunha produción anual de 800 millóns de toneladas e debe combater enfermidades ou pragas que limitan a súa colleita. Un das principais pragas é a do insecto trade, na que as larvas perforan o talo e destrúen o interior da especie provocando unha redución “notable” do seu rendemento. Jaime Barros, investigador da Misión Biolóxica de Galicia, afondou neste fenómeno e constatou na súa tese de doutoramento presentada na Escola de Enxeñaría Forestal que o propio millo dispón de mecanismos naturais para defenderse desa praga.

Na súa investigación, a través dun programa de mellora xenética desenvolvido durante catro anos nos laboratorios da Misión Biolóxica de Galicia, Barros demostrou que a parede celular do millo, estrutura que dá soporte aos vexetais e que condiciona o seu desenvolvemento, actúa como un mecanismo de defensa fronte a praga, sobre todo, canto máis fortificada estea e máis tamaño teña. “Mediante un proceso xenético pódese actuar sobre a parede celular para incrementar a resistencia do millo ao bicho trade”, sinala o investigador, de tal xeito que unha maior anchura das paredes celulares e un maior entrecruzamento dos seus compoñentes serán mecanismos de defensa do millo.

Esta investigación supón un paso importante para a produción e a conservación do cereal xa que o ataque do trade xera unhas perdas de ata un 15% no Sur de Galicia, un 11% en España e un 7% nas colleitas mundiais. Estudos científicos previos da Misión Biolóxica de Galicia xa revelaran as potencialidades da parede celular como vía de defensa fronte aos ataques de insectos, “pero con esta tese demóstrase cientificamente a relación directa entre a fortificación da parede celular e a resistencia natural do millo a esta praga”, sinalan Rosana Malvar e Rogelio Santiago, investigadores da MBG e directores da tese de doutoramento.

Novas liñas de investigación

Tras comprobar que a mellora da parede celular do millo protexe ao propio cultivo da invasión destes insectos, Barros continúa coa súa investigación para establecer conexións entre o aumento da fortificación, o tamaño do talo do millo e o volume de produción do cultivo “pois descoñécese se, á marxe de protexer á especie fronte ás pragas, pode incrementar ou diminuír o rendemento”, apunta Jaime Barros. Así mesmo tamén quere corroborar se a fortificación das paredes celulares é un método de defensa “inducido” pola praga, isto é, se o ataque das larvas propicia ese estado de resistencia no talo do millo.

Por outra banda, os resultados deste estudo poderían ser aplicables a outras pragas “pois, ademais dos ataques de insectos, a produción de millo tamén está limitada por outras enfermidades, como a provocada polos fungos, polo que estamos investigando o posible efecto da parede celular ante estas adversidades”, engade Barros.

Alternativa aos transxénicos

Como apunta o investigador no seu estudo, tamén existen outros métodos de control de pragas, entre os que destaca o millo transxénico Bt, moi eficaz fronte aos insectos trade. Non obstante, “existe un certo rexeitamento social dos transxénicos e, en certos tipo de agricultura, como a ecolóxica, está prohibido o seu uso”, apunta o investigador, polo que as medidas de resistencia naturais, como a recollida nesta tese, “son de grande interese e uso pois están permitidas en calquera tipo de agricultura e carecen de modificacións transxénicas”, conclúe Barros.