DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Santiago Gómez Fraíz, novo decano da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais:

“Para min o núcleo fundamental deste mandato é sermos quen de implantar os novos graos e posgraos”

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
Mª del Carmen Echevarría DUVI 24/10/2008

O doutor en Ciencias Económicas e Empresariais pola Universidade de Vigo, Santiago Gómez Fraíz, é o novo decano da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais. Trala incorporación de José María Martín Moreno á xerencia da Fundación Galega para a Sociedade do Coñecemento, Gómez Fraiz exercerá os tres próximos anos á fronte do decanato no que xa desenvolveu durante anos o labor de secretario e posteriormente como vicedecano responsable do proceso de adaptación ao Espazo Europeo de Educación Superior, unha cuestión que considera debe ser “o núcleo fundamental” do mandato que acaba de comezar.
Profesor do Departamento de Organización de Empresas e Marketing, Gómez Fraíz imparte docencia sobre administración de empresas nos primeiros cursos da titulación de Administración e Dirección de Empresas

A chegada de Santiago Gómez ao cargo de decano da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, vai supoñer algún cambio respecto dos seus antecesores, ou pódese falar dunha aposta por unha liña de continuidade?
Entendo que neste momento temos un reto importante que é a posta en marcha dos novos graos e posgraos. Eu era vicedecano no anterior equipo decanal e precisamente encargábame diso, co que tampouco vou poder afastarme moito deste asunto. Estaba nun equipo decanal que fixo as cousas ben o u moi ben, polo que hai que agradecerlles a dedicación que tiveron e como fixeron as cousas, o que nos vai facilitar o traballo no que, de entrada, haberá unha certa continuidade, obviamente coas miñas manías ou preocupacións propias.
Para min o núcleo fundamental deste mandato é sermos quen de implantar os novos graos e posgraos, mantendo á vez o que temos agora por que a extinción vai ser ano a ano. No caso desde centro por que é moi grande e complicado de xestionar, vanse multiplicar os grupos de prácticas, atención individualizada o que nos vai esixir espazos que neste momento, sinceramente, non sabes nin e de onde os imos sacar.

A decisión de presentar a súa candidatura a decano formaba parte da súas aspiracións profesionais, ou foi unha cuestión circunstancial?
Eu nunca pensei en ser decano, nin tiven a percepción de que podería rematar aquí. Este é un momento moi complicado no que todo se move moito e, ás veces, froito destes movementos persoas moi válidas, ao mellor nun momento dado, non se deciden a dar o paso, ou consideran que complican máis as cousas. No medio desta situación alguén tiña que ser o decano e como eu era vicedecano e estaba ao cargo do tema de plans novos, na facultade deuse por feito que eu tería que seguir no decanato como vicedecano, pero ante a inexistencia de decano, por eliminación tocoume a min.
É unha cuestión de responsabilidade por que o que no pode ser é que nunha facultade no que o ambiente é moi bo, o que non pode ocorrer e que non haxa decano e menos aínda nunhas circunstancias como estas nas que ten uns prazos moi curtos para poñer as memorias en Verifica. Se neste momento quedamos parados probablemente o parón sería un risco que non se podía asumir.

Cos plans de estudo dos novos graos que acaban de saír do forno e desde a súa experiencia como responsable na facultade do proceso de adaptación ao EEES, en que considera sairán gañando estudantes e profesores coa implantación nuns meses dos novos graos?
Eu entendo que sairán gañando as dúas partes. Os novos planteamentos o que buscan é desenvolver máis a aprendizaxe do alumno e non tanto a ensinanza do profesor e iso é bo para todos. Para o profesor por que hai maior interacción e iso permite un enriquecemento persoal maior e é bo para os alumnos por que, dalgún xeito, lles permite ir desenvolvemento eles mesmos a súa propia carreira por que sobre todo fomenta o desenvolvemento de habilidades que é algo fundamental e sen embargo nas estruturas actuais está diluído. No momento actual non serven os planteamentos tradicionais cos que se supón que ti vas á universidade, a universidade fórmate e esa formación te dá unha idea do estado da cuestión para un prazo de tempo relativamente longo. Isto xa hai tempo que deixou de ser así, de xeito que a formación ten que ser moito máis continuada, os coñecementos evolucionan e iso esixe que a universidade que cambie. Non podes ter a filosofía de que o que estás dando vai permanecer por moito tempo, polo que hai que entender que o que si vai permanecer son as habilidades do individuo, entón o que hai que formar son esas habilidades que permitan ao estudante adquirir información, tratala e transmitila. Eu creo que esa é a clave dos novos plans e o que se debería perseguir.

Cre que a reforma das titulacións permitirá atallar unha das grandes preocupacións dos responsables das universidades como é o descenso experimentado nos últimos anos no número de matriculados?
Esta é unha cuestión á que nesta facultade somo especialmente sensibles por que esta foi unha macrofacultade e agora segue sendo un centro grande, aínda que se nota esa baixada de alumnado. Xa os últimos equipos decanais traballaron nesta cuestión e nós daremos todos os pasos posibles para facer unha oferta adecuada e atractiva. Tamén nos preocupa moito como facer notoria esa oferta, que se coñeza e a facultade oferta un plans de calidade, atractivos, ben estruturados e que non teñen nada que envexar a ningún outro centro.

Para rematar non lle vou pedir os seus prognósticos sobre a situación de crise económica que estamos a vivir que, sen embargo, academicamente supoño que ten o seu atractivo no sentido de que estamos ante un escenario novo e que terá o seu reflexo nos libros que estuden os futuros economistas, non?
Eu non son do campo das finanzas, se non do campo da organización de empresas que queiras que non, tamén ten certa conexión. É un tema loxicamente no que ten o seu atractivo estudar o como, o por que, como afecta as organizacións ou como te podes defender desta situación. Pero claro o atractivo queda moi eclipsado polo que supón. En definitiva, que a un non lle gustaría ter que estudar estas cousas pero estará nos libros por que creo que suporá un punto de inflexión importante en como se entendeu o sistema financeiro e ata que punto o estado ten que controlar ou non as actividades das empresas. Chámame, por exemplo, a atención as declaracións de alguén como Bush dicindo que hai que intervir, o que hai tres ou catro anos sería impensable.