DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O doutor José Luís Capelo explicou o papel destas moléculas na ciencia

De Minamata á vida extraterrestre, os biomarcadores como delatores

A súa conferencia foi a última das xornadas 'A Química e as novas xeracións'

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Rosa Tedín DUVI 25/05/2011
A cidade de Minamata sufriu nos anos cincuenta un gran desastre. A empresa Chisso arroxou ocultamente grandes cantidades de mercurio á baía. O mercurio contaminou aos peixes, os peixes ás persoas e houbo máis de dúas mil vítimas de intoxicación por metilmercurio. A empresa intentou negar a súa responsabilidade pero aí estaban os marcadores biolóxicos nos seres vivos afectados para evidenciar o sucedido. Este e outros casos foron analizados este mércores polo doutor José Luís Capelo para amosar a relevancia dos biomarcadores na ciencia e a sociedade.

Capelo, profesor da Universidade de Vigo, foi o encargado de ofrecer a última conferencia das xornadas A Química e as novas xeracións, que organiza a Facultade de Ciencias entre o 29 de marzo e o 26 de maio co gallo do Ano Internacional da Química. Baixo o título de Do desastre de Minamata á busca de vida extraterrestre: biomarcadores, o profesor ofreceu aos asistentes unha panorámica das características, evolución e historia destas moléculas.

Para comezar, o doutor explicou aos asistentes que “un biomarcador é unha molécula, endóxena ou esóxena, que se encontra nun organismo, vivo ou morto, e que indica a exposición a algún composto químico ou situación ambiental”. Este concepto sen embargo, advertiu, non é estanco e está evolucionando a medida que o fai a propia ciencia, xa que aínda que inicialmente estes biomarcadores se empregaban sobre todo en proteómica agora teñen infinidade de usos.

Disruptores endocrinos e outros

Ademais do caso histórico de Minamata, o profesor explicou numerosos exemplos significativos de uso de biomarcadores, entre eles as metalotioneínas. “As metalotioneínas, por exemplo nos mexillóns, son empregadas como biomarcadores para analizar se existe contaminación por metais pesados nas augas nas que están”, salientou. Polo seu actual impacto, tamén saíron a colación durante a conferencia os chamados disruptores endocrinos, sustancias capaces de alterar o sistema hormonal dos seres vivos por ter unha tipoloxía moi parecida ás hormonas femininas e que están presentes na vida cotiá a través de determinados produtos plásticos, deterxentes ou plaguicidas. As consecuencias desta exposición, salientou o doutor, pódense apreciar en feitos como que “desde hai tres xeracións, especialmente nas zonas urbanas, a calidade do esperma decreceu, incrementándose os casos de cancro de testículos e as malformacións”.

Por último, e como anécdota e mantendo a prudencia científica, o doutor tamén apuntou que os biomarcadores son empregados para a busca de vida extraterrestre. Deste xeito, explicou o caso do meteorito Murchison, atopado en Australia en 1969 e que segundo algúns científicos contén marcadores biolóxicos, un feito posto en dúbida por outros científicos.

As xornadas A Química e as novas xeracións serán clausuradas o xoves 26 de maio, ás 18.30 horas, no Edificio Politécnico, por Mª Victoria Jato, vicerreitora de Investigación e Transferencia do campus, e Jesús Vázquez, conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria.