DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Carreira Popular Mineira chega á terceira edición co reto de alcanzar un cento de participantes

Minas quere vivir a súa Santa Bárbara máis cultural

Un foro de debate, un ciclo de cine e exposicións, entre os actos organizados pola Delegación de Alu

Etiquetas
  • Vigo
  • Estudantes
Noemí Rey DUVI 19/11/2012

Con forzas renovadas e antes de tempo para evitar que os festexos coincidan cos exames. A ETS de Enxeñaría de Minas adianta ao 23 de novembro os actos centrais para conmemorar a súa patroa con gañas de facer gozar aos participantes dunha experiencia nova na que cultura e deporte son os eixos centrais. A Delegación de Alumnos da ETS de Enxeñaría de Minas, en colaboración coa Sociedade Mineralóxica Galega e o Cartel de Minas, preparou para este 2012 unha semana cultural coa que integrar ao novo alumnado da escola e fomentar o compañeirismo e o traballo en grupo cos docentes.

5 quilómetros e a repoñer forzas

Xunto co tradicional partido de estudantes contra profesores, a organización xa ten todo listo para dar a saída da III Carreira Popular Mineira, que chega a súa terceira edición co reto de chegar aos 100 participantes. En total, 5 quilómetros de percorrido pola pista de atletismo e polo circuíto exterior de terra no que poderá participar toda a comunidade universitaria, tanto estudantes como PDI e PAS. Haberá camisolas, refrescos e froita para todos os corredores ao remate da carreira e trofeos para os tres primeiros nas cinco categorías abertas. Os interesados terán ata este 21 de novembro para inscribirse de xeito presencial na Delegación de Alumnos de Minas, a través de correo electrónico (daminas@uvigo.es) ou nos perfís de Tuenti e Facebook da asociación facendo constar nome e apelidos, DNI, club se se pertence a algún e teléfono.

Para repoñer forzas tras a carreira ou só para gozar do compañeirismo e do bo ambiente reinante no festexo da patroa, a romaría popular chegará a partir das 14 horas ao aparcadoiro de Fundición cunha carpa de 400 metros cadrados, polbeiro chegado de O Carballiño e música con Dj.

Como toque solidario, a Delegación de Alumnos aproveitará os festexos de Santa Bárbara para colocar caixas para recoller tapóns de plástico que logo cederán ao Banco de Tapóns Baixo Miño, unha iniciativa solidaria para axudar a nenos con algún tipo de necesidade.

Cine e debate para imaxinar, construír e reflexionar

Os festexos de Santa Bárbara complétanse con relatorios, proxeccións e varias mostras. A Sociedade Mineralóxica Galega (SMG) aproveitará o día 23 para inaugurar a colección de minerais que ven recompilando a través de saídas de campo e de doazóns e da que pode gozar o público grazas ao traballo técnico e de clasificación dos propios asociados. Ademais, a SMG tentará recuperar as tradicións mineiras e as súas orixes cunha mostra sobre o traxe do enxeñeiro de minas, que co paso dos anos foi perdendo pulo e chegou a desaparecer.

Para achegar o mundo laboral á comunidade universitaria, dende outubro e ata o vindeiro 28 de novembro celébrase o I Foro Interactúa, un ciclo de conferencias que conta coa colaboración de ENCE e doutras empresas do sector no que participan profesionais de talla internacional e co que se pretende conseguir unha proximidade entre alumno e empresa difícil de acadar nun camiño soamente formativo. Por outro lado, o Ciclo de Cine Mineiro chega a súa terceira edición para mergullar aos estudantes por unha viaxe a través da minería salientando aspectos culturais, sociais, relixiosos e mediáticos derivados da actividade.