DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A tese de Amadou Babacar Sarr estudou en concreto os seus efectos sobre os coleópteros

As minicentrais hidroeléctricas provocan un impacto negativo sobre a fauna acuática dos ríos

Esta infraestruturas xeran a desaparición de algúns microhábitats e a aparición doutros

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
M. Del Río DUVI 13/03/2012

Os ríos Deva, Tuño, Fragoso e Cadós,no suroeste da provincia de Ourense, foron o laboratorio de Amadou Babacar Sarr para preparar a súa tese de doutoramento. A través do seu estudo, e en concreto da análise dos coleópteros acuáticos, o investigador puido concluír que as minicentrais hidroeléctricas provocan un impacto negativo sobre a fauna acuática dos ríos. O seu traballo conclúe que estas infraestruturas xeran a desaparición de algúns microhábitats nos ríos galegos e, pola contra, provocan a aparición doutros que son colonizados por especies máis tolerantes aos cambios e máis adaptadas aos novos medios.

Segundo explica o investigador senegalés, “a modificación das correntes de auga pola construción de presas e embalses provoca cambios nas características ecolóxicas” e esta é unha das alteracións máis estendidas nos ecosistemas fluviais. Nos ríos analizados seleccionáronse 20 estacións de mostraxe, 5 en cada río, sendo Fragoso o río de control ao non contar con ningunha minicentral hidroeléctrica. Os datos foron recollidos en oito campañas diferentes e a captura de fauna realizouse mediante unha mostraxe cuantitativa cunha rede suber. En total o investigador estudou preto de 25.000 individuos de 47 especies de coleópteros acuáticos e, entre elas, destaca Sarr a Limnebius evanescens, “xa que constitúe unha nova cita para Galicia”.

Menos riqueza de especies canto máis preto da central

A finalidade da investigación é estudar o estado de conservación dos ríos afectados por minicentrais hidroeléctricas mediante a análise dos ecosistemas fluviais, en concreto dos coleópteros, xa que os invertebrados acuáticos son algúns dos organismos máis adecuados para valorar a saúde ambiental destes ecosistemas, e os coleópteros son moi habituais en augas doces. Con este fin realizouse un inventario deste grupo de insectos en ríos afectados polas minicentrais, así como un estudo corolóxico, unha análise dos parámetros da comunidade como a riqueza de especies, abundancia e diversidade, e un estudo de diferentes variables ambientais e a súa relación coa fauna.

Os resultados reflicten que é precisamente nas estacións de mostraxe inmediatamente posteriores ás centrais hidroeléctricas onde máis diminúe a riqueza das especies, a abundancia e a diversidade. Sarr explica tamén que se observaron determinados patróns de distribución das especies segundo a súa preferencia por determinados microhábitats, entre os que destaca o musgo, que foi o que presentou maiores valores de riqueza e abundancia de coleópteros acuáticos nos catro ríos analizados.

O investigador lembra así que o estudo dos ecosistemas fluviais é clave para mellorar o coñecemento da estrutura das comunidades que os habitan e entender a súa relación coa contorna, evitando actuacións e alteracións que modifiquen estes hábitats e provoquen perda de biodiversidade.